A Confederación de Empresarios de Lugo organiza unhas xornadas sobre a prevención de riscos laborais
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) organiza para o próximo día 30 de maio o Foro Novos retos de seguridade e saúde laboral, no que reunirá a diferentes expertos para debater sobre cuestións chave de cara ao futuro da xestión da prevención de riscos laborais nas empresas, tendo en conta o progresivo envellecemento poboacional, incorporar a perspectiva de xénero ou o cambio climático.
Co fin de achegarse a estes novos retos da seguridade e a saúde nas empresas, contarase coas achegas de expertos na materia de entidades como o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, Grupo Isonor, Ibersys ou SPS Servizo de Prevención e Saúde, ademais de co médico Josep Masferrer Serra, histórico xefe de Medicina Interna do Sergas que acude ao encontro en representación de Clínica Dinán.
O foro, posto en marcha no marco das axudas para a realización de actividades no ámbito da prevención de riscos laborais en Galicia nos exercicios 2023 e 2024, financiadas pola Xunta de Galicia, terá lugar no Hotel Méndez Núñez en horario de 9.00 a 14.00 horas. Está aberto a todo tipo de público pero é obrigatoria a inscrición, que pode tramitarse na web www.cel.es ou chamando ao 982 231 150.