A Conferederación investirá máis de 750.000 euros na rehabilitación do Muiño de Olga

LugoXa
Finalizadas as obras, a USC será a encargada de dar un uso divulgativo a esta instalación
obras-acea-de-olga
10 sep 2024

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Paula Alvarellos, alcaldesa de Lugo e, Antonio López, reitor da USC visitaron a zona onde se iniciou o movemento de terras para o acceso ao río coa maquinaria adecuada.

O proxecto contempla as obras necesarias no inmoble para ceder o seu uso á Universidade de Santiago de Compostela (USC) e destinalo a actividades de divulgación do Campus Terra e da Universidade en xeral, especialmente as relacionadas coa hidrología, xestión de recursos hídricos do río e a súa fauna, flora, construcións ou etnografía.

Con iso dáse cumprimento ao Convenio asinado entre a CHMS e a USC en data 31 de xullo de 2023, no que o organismo se comprometía a sufragar tanto a modificación do proxecto construtivo primitivo, como á execución da obra, a súa dirección e vixilancia e a coordinación da Seguridade e Saúde. O investimento total previsto superará os 750.000 euros e o prazo de execución estímase en 7 meses.

“A CHMS ademais de executar as obras necesarias para a finalidade da infraestrutura, eliminará os feísmos desta contorna tan privilexiada ao bordo do río Miño e situado nun municipio tan arraigado á historia e ao patrimonio fluvial” indicou Quiroga.

Pola súa banda, a alcaldesa agradeceu o compromiso da CHMS coa cidade de Lugo e explicou que “tanto a restauración do caneiro de Acea de Olga como a rehabilitación deste emblemático muíño, son dúas intervencións fundamentais para continuar co traballo que estamos a desenvolver desde o Concello para achegar e potenciar a contorna fluvial do Miño entre a cidadanía, mediante actuacións constantes e programadas e para as que é fundamental a colaboración da Confederación Hidrográfica” e engadiu que “tamén debemos agradecer á Universidade de Santiago o papel tan importante que ten, en concreto neste proxecto, para recuperar e poñer en valor esta edificación tan icónica, utilizándoa como un novo centro de divulgación científica e natural, a través do Campus Terra·.

Finalizadas as obras, a USC dotará de contido a esta infraestrutura “hai que lembrar que as Universidades teñen entre as súas funcións, a difusión, a valorización e a transferencia do coñecemento ao servizo da cultura, da calidade de vida e do desenvolvemento económico e social, polo que consideramos que esta cesión terá un uso adecuado de difusión da cultura tradicional, da historia e do valioso patrimonio etnográfica co que conta a nosa Comunidade Autónoma” concluíu o presidente.

O proxecto

As principais obras proxectadas consisten na eliminación de elementos próximos que constitúen a terraza e as estruturas metálicas adxacentes, para deixar o edificio tal e como se entende que foi construído no seu momento. Tamén se realizarán novas instalacións de electricidade, iluminación, ventilación, fontanería, saneamento e telecomunicacións. Ademais, cambiaranse a carpintería interior e exterior e a cuberta, introducindo elementos que melloren a envolvente.

Por outra banda, procederase á adaptación do interior do edificio para os requirimentos actuais do seu novo uso docente-divulgativo como a insonorización de dependencia principal e a colocación de aseos adaptados.

Melloraranse ademais elementos relacionados co fin de orixe como é a instalación dun muíño fariñeiro e unha miniturbina para a produción de enerxía eléctrica.

0.22296118736267