O alcalde de Cervantes esixe que reapertura do centro de saúde de Doiras

LugoXa
Alega que a Xunta ten a intención de manter pechadas as instalacións durante xullo e agosto por falta de médico, segundo alega
-Reunion-Concellos-Cervantes-sanidade
6 Xul 2024

O alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, esixiulle ao conselleiro de Sanidade que reabra á maior brevidade o centro de saúde de Doiras. A Xunta ten a intención de manter pechadas as instalacións durante xullo e agosto por falta de médico, segundo alega, pero iso tradúcese, tal como explicou o rexedor, en que máis de 200 persoas, moitas delas maiores, van ter que desprazarse ata San Román para recibir atención.

Tras o encontro que mantivo co conselleiro de Sanidade, o xerente da área sanitaria e a directora xeral de Planificación, Gómez Tadín, que acudiu acompañado polo concelleiro Miguel González, explicou que veciños e veciñas que dispoñían de médico de luns a venres durante cinco horas diarias teñen agora que facer unha viaxe de case tres cuartos de hora para chegar ao centro de saúde.

Por outra banda, engadiu, a situación deriva nunha maior carga de traballo para os facultativos de San Román, unhas instalacións que durante o verán unicamente van dispor de dous médicos. Ás máis de 700 persoas que atenden, vanse sumar as procedentes de Doiras. O alcalde de Cervantes asegurou que o grupo de goberno no Concello seguirá apoiando ás entidades que se están a mobilizar con protestas como a do pasado sábado, na que participaron centos de veciños e veciñas.

Temor a un peche definitivo

Na xuntanza tamén se analizou unha proposta da Xunta para que un profesional de enfermaría preste atención a domicilio no termo municipal tras o verán, coa extensión do programa Ariadna a Cervantes. Para elo, a Consellería pide a colaboración do Concello. Este debería asumir os custes de transporte da persoa que desenvolva esas tarefas, pero o rexedor e o concelleiro lamentan que ese plan significaría unha nova competencia impropia con cargo ás arcas municipais.

Coinciden en que a medida podería ser axeitada se se destina un profesional máis a desenvolver ese labor de visita a domicilio, pensado especialmente para pacientes crónicos. Mais considérana incluso prexudicial se se desvía persoal do consultorio de Doiras, que quedaría en servizo de enfermaría. Gómez Tadín e Miguel González aseguraron que se estudará a viabilidade desa iniciativa, pero aseguran que, de partida, non é xusto que unha competencia exclusiva da comunidade autónoma se descargue na Administración local, xa sobresaturada por outras responsabilidades que debe asumir pese a que non están entre os seus cometidos.

Por enriba, temen que poida servir de coartada para o peche definitivo das instalacións sanitarias de Doiras. Pola súa parte, a Consellería de Sanidade garante a continuidade asistencial no consultorio de Doiras, así como un impulso do sistema de control de enfermería a domicilio.

No encontro, os representantes da Consellería de Sanidade informaron ao alcalde de que a intención do Servizo Galego de Saúde é manter a asistencia sanitaria no consultorio de Doiras, a través dunha organización óptima dos recursos humanos dispoñibles que permita garantir a cobertura logo de quedar vacante a praza do médico.

No marco do plan de verán, os 238 veciños de Doiras teñen garantida a asistencia a través dos equipos centralizados no centro de saúde de Cervantes, no núcleo do municipio. Ademais, está previsto iniciar en setembro a posta en marcha do programa Ariadna para o seguimento domiciliario dos pacientes crónicos. Neste sentido, a Consellería de Sanidade e o Concello de Cervantes acordaron colaborar na posta á disposición do servizo de enfermería medios de transporte que faciliten ese seguimento domiciliario.

0.20687198638916