A conselleira do Mar visitou a celebración do San Vicenzo de Rábade, onde se repartiron 1.100 kilos de mexillón

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este domingo na XXI Exaltación do Mexillón de Rábade, unha celebración gastronómica coa que colabora a Xunta e na que a conselleira explicou a importancia de promover o consumo de bivalvos tamén nos concellos do interior de Galicia.
A Consellería do Mar achega uns 1.100 kilos de mexillón, que foron repartidos polos bares e restaurantes da vila para degustación da veciñanza e dos visitantes. Os asistentes puideron desfrutar das diferentes preparacións elaboradas co produto estrela da xornada.
Esta cita gastronómica celébrase no marco das Festas de San Vicenzo, axudando, en paralelo, a dinamizar a economía local e a restauración local, pois a colaboración dos establecementos hostaleiros tamén é decisiva na posta en valor do bivalvo.
Villaverde enxalzou a calidade do produto, procedente das rías galegas, e o sabor das diferentes propostas dos profesionais da cociña involucrados, aos que considera “uns dos mellores aliados da cadea mar-industria da comunidade” e, polo tanto, “tamén protagonistas dentro da estratexia do Goberno galego de promoción do consumo dos produtos do mar”.