A conselleira Fabiola García visita a residencia de maiores das Gándaras

LugoXa
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou que Galicia é unha referencia nacional no coidado dos maiores grazas ao investimento da Xunta.
visita fabiola garcia residencia as gandaras
8 sep 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou que Galicia é unha referencia nacional no coidado dos maiores grazas ao investimento da Xunta. Así o manifestou durante unha visita á residencia de maiores pública autonómica das Gándaras, na cidade amurallada, na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

A conselleira concretou que o Goberno galego destinou este ano 600 millóns de euros ao sistema de atención a maiores que é unha referencia a nivel nacional e europeo. Así mesmo, puxo en valor que Galicia conta cunha das máis amplas rede de atención con servizos como as casas do maior, 23 das cales están na provincia de Lugo; o programa de Coidados porta a porta; o Xantar na casa ou a rede pública de centros de Alzheimer, única en España.

Fabiola García lembrou que esta carteira aínda se complementa cun orzamento histórico ao Servizo de Axuda no Fogar, un dos servizos máis solicitados polos maiores galegos; e polo Plan de investimentos, dotado con 18,5 millóns de euros e que permitirá crear centros sociais de titularidade municipal en concellos que presentan máis necesidades. Nestes momentos, preto de 73.000 galegos contan cun servizo de atención á dependencia.

Novo modelo de coidados

Así mesmo, a conselleira lembrou que o Goberno galego está a poñer en marcha un novo modelo de coidados que permitirá levar as residencias galegas á vangarda, como xa se está a aplicar na residencia das Gándaras na que a Xunta está a investir 7 millóns de euros nunha reforma integral. Un modelo residencial que tamén seguirá a futura residencia de maiores que está a construír a Fundación Amancio Ortega no barrio da Residencia e que se converterá nun centro do máis alto nivel con 120 prazas públicas.

0.29832983016968