A conservación da raza autóctona do porco celta

TerraChaXa | LugoXa
A provincia conta con 73 granxas de criadores, das que 25 están na comarca da Terra Chá.
PORCO CELTA 2
4 Maio 2024

A provincia conta con 73 granxas de criadores, das que 25 están na comarca da Terra Chá.

A raza de Porco Celta é unha raza autóctona de animais de gran tamaño que teñen unha morfoloxía única, cunha gran rusticidade e un sistema óseo e muscular moi desenvolvido. Son animais moi aptos para a explotación en réxime extensivo xa que están moi adaptados ao medio no que viven e aliméntanse de recursos naturais estacionais como landras, castañas e brotes vexetais.

Asoporcel, a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta nace no ano 1999 co principal obxectivo de recuperar e conservar esta raza e é a única en Galicia recoñecida de xeito oficial para a xestión do libro xenealóxico. Unido a isto tamén serve para darlles as ferramentas necesarias aos gandeiros en materia de axudas, de sanidade dos animais ou en aquelo que precisen.

José Barreira é presidente desta asociación e tamén criador de Porco Celta na comarca da Terra Chá e indica que na actualidade son un total de 134 granxas as que están censadas na asociación sendo un total de 73 as situadas na provincia de Lugo e 25 na comarca da Terra Chá “o que implica bastante representación nesta comarca”. No ano 2023 foron mil novecentos o total de animais sacrificados baixo o selo cen por cento raza autóctona, que vén acompañado de selo de Galicia Calidade, estes números tradúcense nun total de 185.000 quilogramos de carne.

“O numero de granxas na actualidade estase mantendo, non vai a máis nin a menos, sempre hai algunha baixa dalgún socio e outros danse de alta. A nós, dende a asociación, gustaríanos que seguira aumentando dunha forma estable e que as granxas tiveran unha situación positiva de futuro. Porén todo o que estivemos vivindo coma a pandemia, a crise e outras circunstancias están dando lugar a que non aumenten este tipo de explotacións e que tampouco se acabe de dar esa estabilidade nas granxas existentes ou nas máis consolidadas para que poidan seguir aumentando a súa produción” afirma José Barreira.

A diferenza principal dunha granxa de Porco Celta con outras é o produto, pero non exclusivamente “tamén o benestar dos animais. A nós como gandeiros e produtores de porco celta velos felices, soltos e cunha vida sa ao aire libre é moi satisfactorio. O produto é dunha calidade moi diferenciada, en sabor e no proceso de medre dunha forma sa e con produtos naturais”.

Para garantir o futuro e mellorar as condicións destes gandeiros José ve importante unha subida no prezo da carne “xa que falamos dun produto dunha inmensa calidade que se diferencia moito a nivel saúde doutros”. “Criar un porco celta é máis custoso porque o tempo é máis longo, ten os seus gastos e penso que por todo isto o prezo da carne tiña que aumentar, porque estamos ante un produto san, criado en liberdade e con produtos de calidade”. A pesar do que moita xente pensa a cría de porco celta si que dá traballo “non podemos equivocarnos e dicir que os soltamos no monte ou nunha finca e eles gáñanse a comida e os coidados, porque non é así. Precisan dunha atención rigorosa a nivel de sanidade, alimentación ou cría”.

SUSTENTO DE VIDA

Na actualidade ningunha granxa dedicada ao porco celta o fai como sustento de vida “A miña é unha explotación pequena e o meu sustento de vida e outro”, o que tamén ten a súa parte positiva “podes compaxinalo con outros traballos, non é como unha granxa de vacas de leite que ten os seus momentos de muxidura, aquí podes facer o teu programa de traballo e de organización do día”.

Barreira ten clara a vinculación co porco celta “sempre me gustou a miña terra e dentro da miña terra sempre sentín debilidade polas razas autóctonas, a idea de criar en pureza sempre é un extra, é conservar o que é noso. Os meus pais non lle chamaban aos seus porcos celtas pero xa había un interese por seleccionar dentro das camadas aqueles porcos máis longos e coas orellas máis longas”

No referente ao relevo xeracional José cree que si que hai, aínda que estancado. “Eu penso que moita xente nova está interesada, si vas a unha feira onde damos a coñecer a raza hai moita xente nova, rapaces e rapazas que están interesados na cría e na conservación do porco celta. Incluso moitas veces con interese en enfocalo como actividade principal pero falta estabilidade e que compense a nivel económico. A mellor forma de conservar unha raza é coméndoa. Ten que haber unha valoración do produto e por tanto unha subida de prezos. Ter un prezo que cubra todos os gastos e que haxa un rendemento verdadeiro que cubra todo ese esforzo e traballo para que os gandeiros o vexan como unha actividade principal”.

De cara ao futuro a asociación, a Deputación de Lugo e a USC están a traballar nun proxecto conxunto para crear unha granxa en Castro Ribeiras de Lea. “Vai ser unha granxa que se planifica para seleccionar mellores animais e para facilitarllos a un baixo custe aos gandeiros. Penso que sería unha ferramenta moi boa porque poderían adquirir animais cunha xenética moi marcada e de calidade”. Ao mesmo tempo esta granxa servirá para os rapaces e rapazas, que será futuros veterinarios, como centro de formación podendo ter unhas aulas de experiencia e traballo para o seu futuro profesional.

0.1026439666748