A construción da pasarela do centro de saúde de San Roque segue avanzando
O tenente alcalde e concelleiro de mobilidade e infraestruturas, Rubén Arroxo, informou dos avances da construción da pasarela de San Roque. O tenente alcalde explicou que “os traballos están a avanzar a bo ritmo, buscando sempre tratar de reducir ao máximo os inconvenientes á veciñanza da zona e garantir as mellores condicións posibles para o persoal da obra”.
A primeira fase das obras, que se está a executar actualmente, consiste na construción das zapatas que sosterán a pasarela. Os traballos comezaron coa reorganización de certos servizos xa habilitados na rúa, como as canalizacións. O Goberno de Lugo inviste 220.013,95€ na execución desta obra.
"Desde a nosa chegada ao Goberno Municipal tratamos de dar a mellor solución posíbel a esta solicitude que a veciñanza da zona levaba moito tempo realizando ", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "desde a área de mobilidade estudamos as distintas alternativas para darlle solución a este obstáculo, especialmente importante na unión do Centro de Saúde coa rúa Primavera e coa rúa Peña Anda".
A solución planificada pola área de mobilidade pasará por crear unha pasarela que una o comenzo da rampla que da acceso ao centro médico coa parte alta da escalinata Primavera, pasando por riba da entrada do carril do xuízo, segundo o estipulado na normativa vixentes sobre accesibilidade e permitindo o paso de vehículos pola parte inferior. A pasarela terá un gálibo de máis de 4 metros, o que permitirá a circulación de vehículos pola súa parte inferior. A lonxitude total será de 34,68 metros. A nova pasarela permitirá, segundo declarou o tenente de alcalde, "unir o centro de saúde e as rúas Primavera e Peña Anda cun percorrido practicamente plano".