A Convivio da Cultura Galega celebrarase o sábado 12 de xullo

LugoXa | TerraChaXa
Música e xantar campestre rememorán a esencia das festas populares a partir das 11.15 horas
convivio-cultura-galega-outeiro-de-rei5
2 Jul 2025

O Convivio da Cultura Galega non falta á súa cita, e a Casa-Museo Manuel María xunto á Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, organizan o próximo 12 de xullo, sábado, na Carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, a súa XII edición. Unha celebración que pretende rememorar a esencia das festas populares de que tanto gostaba Manuel María, como a romaría que se facía en Outeiro ao pé do río Miño, en que o convívio entre os e as festeiras era o centro, e na que non faltaba a música e o xantar campestre e demorado.

A xornada festiva comezará ás 11.15 horas, sendo a Casa-Museo Manuel María o punto de encontro e a coral Solfa a encargada de lle dar a acollida a festeiros e festeiras. De alí sairase cara ao cemiterio para levar a cabo unha pequena ofrenda a Manuel María e Saleta. O presidente da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, dirixirá unhas palabras de lembranza para o escritor e a súa compañeira Saleta.

A partir das 12.30, a festa decorrerá na Carballeira de Santa Isabel, onde actuará a Banda Xuvenil de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, Sons e Soños, que estará acompañada pola cantareira, mestra e investigadora da música galega, Branca Villares. Esta, ademais da interpretación coa banda doutras pezas, estreará unha composición de Manuel María Veiga realizada para a ocasión sobre un poema do propio Manuel María.

Despois do concerto, celebrarase un xantar de convivio para o que cada quen trae a súa comida e a organización pon a disposición mesas e cadeiras con reserva (Para reservar é necesario avisar antes das 14 horas do 9 de xullo, mércores, a través do whatsapp 698177621 ou por correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal).

A festa continuará pola tarde, ás 16.30 horas, cunha foliada conducida por Xurxo Souto, e onde non faltará a música de Mestura de Nete, Foliadeir@s do Castro, Música na Eira, Tradivivas Agra, Reviravolta e Parabéns.

Durante a mañá, as directivas das entidades que conforman a federación Galiza Cultura manterán un encontro, ás 12.15, no auditorio da Casa-Museo para articular a súa actuación en común para o próximo ano.

O Convivio da Cultura Galega conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

convivio-da-cultura-galega
⚙ Configurar cookies
0.17323899269104