A cooperativa A Carqueixa amplía a oferta da praza de Abastos
O tenente alcalde, Rubén Arroxo e a concelleira de Participación, Cristina López, participaron no acto organizado pola cooperativa A Carqueixa para inaugurar o seu novo posto na praza de Abastos, a nova carnicería O sabor dos Ancares, que se situará no posto 25 da praza. Cristina López agradeceu ás integrantes da Carqueixa “que se interesaran pola Praza de Abastos de Lugo para dar un paso máis no seu proxecto” e destacou o proxecto desta cooperativa “como unha alternativa para fixar poboación no rural galego e achegar productos de primeira calidade”.
A actividade contou coa presencia da vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro e coa deputada de Medio Rural, Mónica Freire, que destacaron o papel da Carqueixa coa conservación do rural galego.
O obxectivo da área de Participación é chegar a ter a totalidade dos postos da Praza e do Mercado ocupados e con funcionamento. Cristina López explicou que "estas instalacións están pensadas para atopar produtos de primeira calidade, no que as persoas reciben a atención persoal das distintas profesionais de cada posto". A edil de Participación destacou as distintas accións que se están a levar a cabo para promocionar a Praza e o Mercado Municipal, como as campañas postas en marcha para promocionar as instalacións e os seus produtos e a reforma do soto.
A cooperativa A Carqueixa conta na actualidade con 200 socios. O proxecto baséase no compromiso coa calidade, tendo toda a carne producida o selo de Ternera Galega Suprema, con moitas das explotacións adicándose á trashumancia, alimentando aos animais de xeito totalmente natural, e ao aire libre, co que colaboran co mantemento dos montes limpos, o que reduce o risco de incendios. Ademais, a actividade contribúe a fixar poboación no rural e ao crecemento económico sostible da zona. O seu proxecto de venta online vén de facela gañadora do premio Aresa de desenvolvemento rural.