A cooperativa A Carqueixa de Cervantes, premiada pola súa traxectoria
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pola que se fai pública a concesión dos Premios á Cooperación 2024. En concreto, as cooperativas galardoadas son A Carqueixa, co premio á traxectoria cooperativa; Consumo Consciente Árbore, co premio aos valores cooperativos e A Morada Nosa.
Os Premios á Cooperación, dotados con 15.000 euros, teñen como finalidade fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores e recompensar publicamente o traballo que as entidades realizan a favor do cooperativismo na comunidade. Cómpre lembrar que podían optar a estes galardóns todas as cooperativas galegas que teñan destacado polo seu traballo, que estean ao día das súas obrigas rexistrais e que non resultaran recoñecidas en anos anteriores. Ao igual que en edicións previas, as categorías da convocatoria son tres, cada unha dotada con 5.000 euros.
O galardón á mellor traxectoria é para a cooperativa A Carqueixa, dos Ancares, centrada na produción baixo o selo de calidade de Ternera Gallega Suprema. Neste caso, o premio diríxese a cooperativas con máis de 42 meses de antigüidade que teñan resaltado, entre outros, pola solidez dos resultados económicos acadados, a xeración de postos de traballo, as relacións de intercooperación ou a expansión territorial do seu negocio.