A Coordinadora 'Eólica Así Non' convoca mobilizacións para o 9 de febreiro en Sarria e Lugo

LugoXa | SarriaXa
A Coordinadora fai un novo chamamento á sociedade para denunciar o modelo de espolio enerxético promovido pola Xunta de Galicia
mobilizacións-eólica-Así-Non
3 Feb 2025

A Coordinadora 'Eólica Así Non' convoca mobilizacións este domingo, 9 de febreiro, con motivo do Día Mundial da Enerxía Limpa, evento que foi suspendido o pasado 26 de xaneiro debido ao temporal.

As concentracións terán lugar ás 17.00 horas no Cruce de Catro Camiños coa rúa da Liberdade en Sarria, e diante do Concello de Lugo.

A Coordinadora fai un novo chamamento á sociedade para denunciar o modelo de espolio enerxético promovido pola Xunta de Galicia. Este modelo, segundo afirman, non ten en conta os intereses da poboación, e busca, principalmente, beneficiar o capital privado a costa de xerar graves impactos medioambientais e expulsar ás comunidades afectadas da toma de decisións sobre os proxectos que lles afectan.

A Coordinadora tamén denuncia a falta de respecto pola xurisprudencia, citando as recentes reformas legais aprobadas pola Xunta, que dificultan que a cidadanía se poida defender tanto no ámbito administrativo como xudicial diante dos proxectos eólicos agresivos e depredadores do territorio.

Estas reformas, aseguran, destinan recursos públicos para exercer "violencia institucional" contra as comunidades veciñais afectadas, as cales sofren un acoso administrativo constante debido á sobresaturación de proxectos e á xeración de inseguridade xurídica. Ao mesmo tempo, critican a desregulación e a criminalización da protesta social.

Eólica Así Non! aposta por unha planificación eólica real, que ordene a explotación desta enerxía no territorio galego con obxectivos sociais e ambientais, involucrando á poboación na toma de decisións e evitando que os proxectos se desenvolvan ao servizo dos intereses das grandes multinacionais enerxéticas.

0.17169404029846