A coral do IV Ciclo ofrece un concerto en Lugo

LugoXa
A coral da Asociación do VI Ciclo do Campus de Lugo ofrece este mércores, a partir das 20.
19 Dec 2023

A coral da Asociación do VI Ciclo do Campus de Lugo ofrece este mércores, a partir das 20.00 horas, na Rúa Quiroga Ballesteros da capital luguesa, o seu primeiro concerto fóra do ámbito universitario. A actuación da formación dirixida por Bruno Villamor Gay e da que forman parte máis de medio centenar de persoas encádrase no programa Tradigalu, promovido pola Deputación Provincial de Lugo.

O repertorio do concerto programado para este mércores 20 de decembro comezará coa interpretación do himno galego, en lembranza da data na que se conmemora a primeira interpretación pública do Himno Galego no Gran Teatro do Centro Galego da Habana (Cuba) en 1907. Nesta intervención, a través da que se pretende popularizar popularizar e divulgar himno galego, ademais de reivindicar a súa letra completa e restaurada, de acordo co texto fidedigno creado por Eduardo Pondal en 1890 a solicitude do músico Pascual Veiga, a coral do alumnado sénior do Campus de Lugo estará acompañada da coral de ‘Cántigas e Flores’. Unha vez rematada a interpretación desta peza, a cora da Asociación IV Ciclo Lugo completará o seu repertorio con outras dúas composicións: ‘Canto do Arrieiro’ e ‘Pasadobre de Vigo dos Toxos’.

Concerto de panxoliñas

A coral da Asociación IV Ciclo Lugo ofrecerá o vindeiro martes 26 de decembro, a partir das 12.00 horas, na Rúa Quiroga Ballesteros de Lugo (no mercado municipal en caso de choiva), un novo concerto de Nadal no que interpretará un programa de panxoliñas. Esta dobre actuación da formación coral que dirixe Bruno Villamor Gay servirá de presentación pública á sociedade luguesa desta coral que conta con apenas un ano de vida.

0.19410586357117