A Coral Lugh protagonizou o tradicional Concerto da Lembranza no cemiterio municipal

LugoXa
A concelleira de Participación, Cristina López, subliñou a importancia deste tipo de actos, destacando que “o cemiterio é tamén un espazo de cultura e memoria"
Coral-Lugh-no-cemiterio-municipal-de-Lugo
8 Nov 2024

A Coral Lugh protagonizou o tradicional Concerto da Lembranza no cemiterio municipal como parte das actividades desenvolvidas no marco do día de Todos os Santos desde a área de Participación do Concello de Lugo. Este concerto estivo dedicado ás vítimas da DINA que afectou a Valencia, enviando así unha mensaxe de homenaxe e solidariedade dende Lugo.

A concelleira de Participación, Cristina López, subliñou a importancia deste tipo de actos, destacando que “o cemiterio é tamén un espazo de cultura e memoria, e ao longo do ano acolle numerosas iniciativas que buscan achegar á cidadanía á súa riqueza patrimonial”. Segundo a edil, o Concerto da Lembranza, que se celebra cada ano nestas datas, convértese nun momento de lembranza e de proximidade, especialmente significativo neste 2024 pola súa dedicatoria ás vítimas da DINA.

Ademais deste concerto, a Área de Participación ten aberta a convocatoria do Concurso de Fotografía ‘Estampas de Paz e Acougo’, unha actividade que “busca captar a beleza e simboloxía oculta nas construcións e esculturas funerarias do noso cemiterio”.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 15 de novembro para todas aquelas persoas que desexan participar. Cada participante poderá presentar un máximo de tres fotografías inéditas e orixinais para este evento, non podendo estar publicadas en calquera medio con anterioridade á data de convocatoria.

Cristina López engadiu que a programación cultural do cemiterio municipal está deseñada para estenderse ao longo de todo o ano “para que cada vez máis veciños e veciñas se sumen ás diferentes propostas e coñezan as particularidades e a singularidade do noso cemiterio, un espazo de convivencia cultural e de homenaxe”.

0.15777921676636