A cuberta do edificio dos Xulgados de Lugo será renovada con máis de 500.000 euros

A Xunta de Galicia destina máis de 521.000 euros á renovación integral da cuberta do edificio xudicial de Lugo. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou a licitación dos traballos, centrados no sistema de impermeabilización, cun importe que supera o medio millón de euros.
As empresas interesadas en participar no proceso poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 1 de outubro ás 14:00 horas. A adxudicación realizarase a través dun procedemento aberto con pluralidade de criterios de valoración.
Segundo recolle a documentación, a intervención faise necesaria polo deterioro da cuberta, que provocou filtracións no interior do inmoble, así como desprendementos nalgunhas zonas do teito e das paredes, situación que dificulta o normal desenvolvemento do traballo do persoal xudicial.
A obra non suporá cambios na tipoloxía arquitectónica nin na estética do edificio, e contará cun prazo de execución de tres meses desde o día seguinte á sinatura da acta de comprobación da implantación.