A cuberta e fachada do Pazo de Feiras de Lugo será mellorada cunha aportación da Xunta

LugoXa
A segunda fase das obras busca modernizar o recinto e consolidalo como referente feiral e de innovación comercial en Galicia
Pazo-de-Feiras-e-Congresos-de-Lugo
29 Sep 2025

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo afronta a súa segunda fase de melloras, centrada na rehabilitación da fachada e das cubertas de acceso aos pavillóns, cun investimento da Xunta de case 320.000 euros previsto para 2026, dentro dun proxecto global de máis de 700.000 euros compartido con achegas da Deputación e do Concello de Lugo.

Estes traballos suceden aos que se están a realizar este ano no lucernario, nos baños e na protección fronte a incendios, cun investimento de preto de 255.000 euros, dos que a Xunta aporta máis de 114.000 euros.

Segundo destacou o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, as actuacións teñen como obxectivo potenciar o Pazo de Feiras e Congresos dentro do mapa de recintos feirais de Galicia. A intervención enmárcase no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que busca impulsar os recintos feirais mediante a xeración de sinerxías de xestión, captación, coordinación e programación de eventos comerciais, así como converter estes espazos en referentes de demostración tecnolóxica e innovación ao servizo do sector comercial galego.

O proxecto foi aprobado na reunión extraordinaria do Padroado da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, á que asistiron telematicamente Gabriel Alén e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, xunto aos representantes da Deputación, Concello e responsables da propia Fundación.

⚙ Configurar cookies
0.0869140625