A D.O. O Cebreiro poderá elaborar queixos de maior tamaño e curación

LugoXa
Medio Rural aceptou as solicitudes formuladas polo Consello Regulador para adaptarse á crecente demanda dos queixos curados
queixos denominación orixe cebreiro
12 Feb 2021

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a orde pola que a Consellería do Medio Rural acepta a solicitude do Consello Regulador da Denominación de Orixe O Cebreiro para facer unha serie de axustes no plego de condicións dos criterios que rexen a comercialización dos seus queixos.

Os cambios, requiridos en boa medida polo auxe que está a experimentar o queixo curado nos últimos anos, afectan tanto ao propio produto como ao método desenvolvido para conseguilo. Así, entre outras cuestións, o queixo da D.O. O Cebreiro pasa a definirse como “un queixo graxo elaborado con leite de vaca que pode comercializarse fresco ou curado, neste último caso cunha maduración non inferior a corenta e cinco días”.

En canto ás súas características, matízase que  “o queixo curado ten a cortiza pouco diferenciada de amarela a amarela intensa e pode presentar mofo dependendo da fase de maduración. A súa pasta, de cor marfil que pode chegar a amarela, presenta unha consistencia entre mantecosa e firme, ás veces dura, dependendo do grao de maduración. O seu sabor é lácteo, chegando a ser un tanto metálico e picante”.

QUEIXOS DE MÁIS DE 2 QUILOS

Doutra banda, o Consello Regulador tamén solicitaba a eliminación do límite máximo de peso dos queixos, que ata agora estaba fixado nos 2 quilos. A razón de permitir que se supere ese peso xustifícase na "crecente demanda do mercado deste tipo de formatos", sendo moi solicitados tanto na hostalaría e na restauración como nas cadeas de distribución para a súa venda ao corte. O peso mínimo das pezas mantense nos 300 gramos.

A resolución de Medio Rural remitirase agora ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para que, á súa vez, o remita á Comisión Europea.

0.083709001541138