A décimo oitava edición de EQUIGAL Salón Internacional do Cabalo de Galicia celébrase en Lugo

LugoXa
“EQUIGAL é un evento que combina tradición, profesionalidade e innovación, ofrecendo un escaparate privilexiado para criadores, deportistas e amantes do mundo do cabalo”
Presentación-Equigal-San-Marcos-Lugo
30 Apr 2025

O Salón Internacional do Cabalo de Galicia, EQUIGAL, arranca este venres, 2 de maio, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, co Concurso Hípico Nacional de Salto de Obstáculos.

A cita, que se celebrará do 2 ao 11 de maio, ofrece un amplo programa de actividades gratuítas, que inclúe concursos morfolóxicos, exhibicións ecuestres e certames especializados, converténdose nun punto de encontro único para criadores, profesionais e afeccionados ao mundo do cabalo.

Así, entre luns e o domingo, do 5 ao 9 de maio, haberá bautismos ecuestres, e o sábado 10 e domingo 11, terán lugar o XVIII Concurso Morfolóxico de Cabalo de Raza Árabe (PARA); e o VIII Concurso Morfolóxico de Cabalo de Raza Galega (PRG).

Máis de 100 cabalos e uns 80 xinetes estarán nas diferentes probas organizadas. Tamén haberá bautismos ecuestres para escolares nos que se agarda a participación duns 200 nenos e nenas.

A Deputación de Lugo patrocina este evento clave para o sector ecuestre galego, cunha achega de 40.000 euros. O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, sostivo que “EQUIGAL é un evento que combina tradición, profesionalidade e innovación, ofrecendo un escaparate privilexiado para criadores, deportistas e amantes do mundo do cabalo”, afirmouo deputado.

“Coa presenza destes magníficos exemplares, podemos admirar a beleza, o porte e a nobreza do cabalo, símbolo universal de forza, elegancia e traballo. Unha mostra viva do que agarda a todos aqueles que se acheguen a EQUIGAL”, engadiu Rivera Capón.

Puxo en valor o deputado a aposta da Deputación con eventos deste tipo que “sempre é firme e indiscutible, xa que constitúen piares fundamentais para o desenvolvemento económico e social da provincia”; e convidou á cidadanía “a vivir EQUIGAL, a admirar a forza, a beleza e a paixón do mundo ecuestre, facendo de Lugo un punto de encontro, de celebración e de futuro durante toda a celebración deste salón”.

Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, felicitou á Federación Hípica Gallega pola traxectoria desta cita, que sinalou como unha das “convocatorias de referencia e con maior impacto positivo para a cidade dentro da extensa programación anual do Pazo de Feiras e Congresos”.

Tamén destacou o crecente interese pola hípica na provincia de Lugo e valorou que lle dea visibilidade entre os máis pequenos, en liña con outras accións da Xunta, que inclúe esta disciplina na oferta do programa de deporte escolar Xogade.

⚙ Configurar cookies
0.19234800338745