A defensa do territorio, eixe do IX Festival Agrocuir da Ulloa
Cada vez falta menos para a IX edición do Festival Agrocuir da Ulloa. A temática este ano será a defensa do territorio, nun contexto de ameaza provocado polo proxecto de construción dunha fábrica de celulosa. Deste xeito, os asistentes poderán gozar os días 23 e 24 de agosto en Monterroso dun programa que inclúe obradoiros de baile, actuacións musicais e presentacións literarias.
A cita comeza o venres cunha proxección da montaxe e coloquio sobre O Ulla si! A partir das 18.00 horas. Seguiranlle a actuación de Alana, a partir das 21.00 horas, e ManiCuir, Nelo Vermouth e compañía na praza ás 22.30 horas. A partie das 23.30 horas é a quenda de VerterGZ e de Saya.
O sábado haberá obradoiros no Souto de Caracacho. Entre a oferta variada, prográmanse obradoiros de baile con Gabi Reboredo, laboratorio Ulla Vivo, canta contos, movendo os marcos do desexo e envellecemento e diversidade. Ademais, contarán coa participación do Podcast As Bichas non todo o mundo é bisexual.
Despois dun par de presentacións literarias pola maña, terá lugar a perfomance A Morte e o Clima e as iniciativas Bingo Cuir e Coro Cores. Tamén entregarán o Premio á visibilidade Agrocuir. Posteriormente actúan Marinita y sus Maromas ao que lle seguirán uns Cantos de taberna polos bares do municipio e a actuación de Aboi 13 e Km0 Dj na praza de Froito dende as 01.00 ara as 04.30 horas.