A Delegación da Xunta de Lugo ilumínase de verde por Día Mundial das Enfermidades Raras

A fachada da sede da Delegación Territorial da Xunta en Lugo iluminarase esta noite de cor verde no marco dos actos organizados pola Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec) con motivo do Día Mundial das Enfermidades Raras, que se conmemora mañá.
A Xunta colabora coa programación organizada pola entidade durante todo o mes na cidade, a cal culminará mañá pola tarde cunha andaina polo adarve da Muralla e unha actuación musical.
Previamente, ás 10:00 horas, o salón de actos do HULA acollerá unha mesa redonda baixo o título 'A relevancia da xenética e o cribado neonatal nas persoas con enfermidades raras'. Posteriormente, ás 13:00 horas, fronte á Casa Consistorial levarase a cabo a lectura da declaración institucional, acto ao que asistirá o delegado territorial de Lugo, Javier Arias.
Arias destacou a necesidade de "dar visibilidade a estas enfermidades e prestarlles atención especializada". Neste sentido, recordou que Galicia conta cunha Estratexia Galega de Enfermidades Raras, presentada en 2021, que permite facer un seguimento do paciente desde a súa entrada no sistema sanitario ata que recibe o tratamento axeitado.
Así mesmo, subliñou que Galicia está "á vangarda en España na detección temperá das enfermidades raras grazas a medidas como o Programa Galego de Cribado Neonatal, que se foi ampliando ata converterse no máis completo do Estado".
A Xunta tamén coopera coa Federación en diversas iniciativas, como o convenio para favorecer a rehabilitación fisioterapéutica das persoas con enfermidades raras e neurodexenerativas, reforzando así o seu compromiso coa mellora da calidade de vida dos afectados.