A Delegación de Facenda, novo Punto Violeta fronte ás violencias machistas

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, valorou a incorporación da Delegación de Facenda como Punto Violeta fronte ás violencias machistas, con motivo dunha xornada formativa sobre a implementación das medidas vinculadas ao protocolo xeral de actuación subscrito pola Axencia Tributaria.
A sesión foi impartida pola xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación, María Luisa Castro, na sede da Subdelegación, coa vontade de profundar na formación continua do persoal das administracións públicas sobre violencia de xénero.
Esta xornada complementa a formación en liña do Ministerio de Igualdade, accesible na páxina web da Delegación do Goberno contra a violencia de xénero, xunto que o material de descarga dos puntos violeta, como carteis, adhesivos e a guía de actuación.