A Delegación Territorial da Xunta acolle unha exposición sobre o proxecto LIFE-Silfore

A Delegación Territorial da Xunta de Galicia acolle durante o mes de febreiro unha exposición sobre o proxecto LIFE-Silfore, unha iniciativa centrada no silvopastoreo e na conservación de razas autóctonas.
A mostra consta dun conxunto de paneis informativos que detallan a planificación, execución e ferramentas desenvolvidas no marco do proxecto LIFE-Silfore.
O obxectivo principal desta iniciativa é atopar novos métodos para incrementar a resiliencia das masas forestais das zonas atlánticas e subatlánticas fronte ao cambio climático. Para iso, ponse o foco na aplicación de medidas silvopastorais que axuden a previr incendios forestais, aumenten a biodiversidade e impulsen a economía rural.
A Xunta de Galicia participa neste proxecto a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), que colabora con outras entidades como o Grupo de Sistemas Agroforestais e Agroecoloxía do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, o Instituto Vasco de Investigación y Desarrollo Agrario, o Instituto Politécnico de Bragança (Portugal) e o Servicio Regional de Investigación y Desarrollo Agroalimentario de Asturias.
No marco deste programa, instalouse unha rede de 11 demostradores en distintos puntos de Galicia, Asturias, País Vasco e o norte de Portugal, entre os que destaca Ribeira de Piquín.