A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle unha xornada sobre seguridade industrial no sector agroalimentario

LugoXa
O delegado territorial, Javier Arias, explicou que se enmarca nun ciclo que se vén desenvolvendo en distintas cidades galegas para sectores diversos
Xornada-seguridade-industrial-no-sector-agroalimentario-Xunta
5 Dec 2024

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle unha xornada sobre seguridade industrial no sector agroalimentario, organizada pola Consellería de Economía e Industria e o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que se enmarca nun ciclo que se vén desenvolvendo en distintas cidades galegas para sectores diversos, como a automoción, o téxtil ou a minaría, e que se pechará o próximo día 19 en Santiago de Compostela co encontro dedicado á enerxía.

Arias destacou que a Xunta dispuxo este ano un programa extraordinario de medidas en materia de seguridade industrial, que inclúe accións de fomento e difusión como estas xornadas para reforzar a implicación do tecido produtivo. Ao respecto, afirmou que “investir en seguridade industrial significa protexer ás persoas, coidar do medio ambiente e mellorar a eficiencia das empresas. É, polo tanto, unha ferramenta máis de competitividade”.

A Consellería está a desenvolver o Plan de inspección de seguridade industrial, que establece máis de 1.400 controis co obxectivo de comprobar a adecuación dos establecementos, instalacións, actividades e produtos respecto dos regulamentos e normativas que lles son aplicables. Dese total de inspección, preto de 300 corresponden á provincia de Lugo.

Ademais, traballa nun plan extraordinario de inspección, enfocado a hoteis, centros comerciais, grandes auditorios, espazos multiusos, garderías, salas de festa e discotecas, a través dun convenio de colaboración coa Asociación Galega de Organismos de Control Autorizados.

O delegado tamén fixo referencia ao avance que supuxo a posta en marcha do Consello Galego de Seguridade Industrial, constituído o pasado mes de xullo e que introduce “un foro de encontro coas empresas, colexios profesionais e asociacións para detectar e corrixir con axilidade as necesidades neste ámbito”.

⚙ Configurar cookies
0.068991184234619