A Delegación Territorial da Xunta en Lugo sumouse aos actos do 25N
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo sumouse aos actos do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, coa lectura dun manifesto no que reafirma o seu compromiso para seguir loitando en favor da igualdade e da eliminación de toda mostra de violencia contra as mulleres.
O delegado territorial, Javier Arias, participou nas actividades, que contaron coa presenza de xogadoras dos equipos femininos da Sociedade Cultural Deportiva (SCD) Milagrosa, ás que o Goberno galego lles entregou camisetas co logotipo da campaña NON á violencia de xénero.
Arias agradeceulles ás deportistas a súa colaboración con esta iniciativa “coa que queremos amplificar esta mensaxe para que chegue a todas partes” e desta forma “seguir creando conciencia social contra a violencia de xénero”.
A directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, foi a encargada de ler o manifesto, no o Goberno galego se reafirma na condena “firme e clara” a todas as formas de violencia contra as mulleres e fai un chamamento “ao que debe ser unha prioridade” na loita contra a violencia machista, “o traballo constante durante todos os días do ano con medidas de prevención, sensibilización e visibilidade, e a atención integral ás mulleres vítimas e a súa contorna familiar”.
Neste senso, na declaración institucional lémbrase que a Xunta seguirá ofrecendo unha “asistencia integral” ás vítimas, ampliando os recursos dos 84 Centros de Información ás Mulleres (CIM) de Galicia e reforzando os programas de apoio psicolóxico e asesoramento ás vítimas e a súa contorna, entre outras medidas coa próxima apertura de cinco centros de crise 24 horas, un deles en Lugo.