A Deputación abre hoxe o prazo para solicitar as axudas ás reservas da biosfera

A Deputación de Lugo vén de abrir este luns o prazo para solicitar as subvencións incluídas nas dúas liñas de axudas destinadas ás entidades asociativas que teñen o seu ámbito de actuación no territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. A institución provincial destina un total de 340.000 euros a ambas convocatorias que poderán solicitarse ata o 23 de maio.
Por unha banda, os colectivos beneficiarios poderán recibir unha cantidade de entre 1.000 e 7.000€ para desenvolver actividades relacionadas co lecer saudable, a educación ambiental e que se realicen nestes territorios. Este ano a institución provincial reforzou economicamente esta liña de axudas nun 72%, destinando un total de 190.000 euros (120.000 para proxectos na Reserva da Biosfera Terras do Miño e 70.000 para actividades na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses).
Por outra banda, a Deputación de Lugo abriu tamén o prazo para solicitar as novas axudas que vén de poñer en marcha este ano e que complementan ás anteriores. Trátase dunha convocatoria dirixida a subvencionar investimentos que promovan a posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico nestes territorios.
Ao igual que as anteriores poden solicitalas as entidades e os colectivos sen ánimo de lucro que traballan nas Reservas xestionadas pola institución provincial. Os solicitantes recibirán unha contía de entre 2.000 a 12.000 para financiar proxectos como: a reposición de sendas e camiños, iniciativas que promovan a información e a divulgación do patrimonio das Reservas (páxinas webs ou aplicacións), ou propostas para levar a cabo a reposición de sendas e camiños, entre outros.
Para esta nova convocatoria a Deputación de Lugo destina un total de 150.000 euros, 100.000 para investimentos que se enmarquen na Reserva da Biosfera Terras do Miño e os 50.000 restantes van destinados a proxectos que teñan que ver coa Reserva dos Ancares.
O prazo para solicitar algunha destas convocatorias é de 15 días hábiles, é dicir, está aberto ata o vindeiro 23 de maio (incluído). As entidades interesadas deberán formalizar as súas solicitudes vía electrónica a través da Sede Electrónica da Deputación, ou mediante outro rexistro electrónico aos que se refire o artigo 16.4 da Lei do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. As bases das convocatorias poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicado este venres, 2 de maio, e na páxina web da institución provincial.