A Deputación abre o prazo para solicitar as viaxes do programa Coñece a túa provincia

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Poderán participar entre un mínimo de 15 persoas e un máximo de 23 por colectivo, que partirán cara o itinerario escollido polo grupo entre as 51 rutas dispoñibles
conece-a-tua-provincia-adatada
22 Jan 2025

A Deputación de Lugo abrirá este xoves 23 de xaneiro ás 12, o prazo de presentación das solicitudes para participar na quinta edición do programa de viaxes gratuítas para entidades sen ánimo de lucro Coñece a túa provincia. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica este mércores as bases da convocatoria desta tempada 2025, durante a que a institución provincial ofrecerá máis de 3.000 prazas.

Os colectivos terán ata o vindeiro 5 de febreiro para presentar a súa documentación no Rexistro Xeral da Deputación ou a través da sede electrónica, accesible nesta ligazón. As solicitudes presentadas serán admitidas por orde de presentación, segundo o número de rexistro de entrada ata esgotar as prazas dispoñibles. A relación de entidades admitidas, excluídas e en lista de agarda será publicada tamén no Boletín Oficial da Provincia.

Esta iniciativa, que naceu no ano 2021 co obxectivo de promover o turismo, a hostalería e impulsar a dinamización da economía local, vai dirixida a asociacións e entidades dos 67 concellos da provincia. Desde a súa creación, o programa da Deputación tivo unha gran acollida e, en apenas 4 anos, xerou un importante retorno económico que superou os 600.000 euros.

Coñece a túa provincia mantén este ano os 44 itinerarios turísticos por toda a provincia e inclúe 7 rutas accesibles para persoas con mobilidade reducida, reforzando o carácter inclusivo da iniciativa. As excursións concedidas cubrirán todos os aspectos necesarios para gozar dunha experiencia completa, incluíndo transporte, seguros de viaxeiros, menú de xantar, entradas a lugares de interese e a presenza dun guía oficial habilitado durante todo o percorrido.

0.16045188903809