A Deputación achega 40.000 euros a APREVAR para a compra das instalacións
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Asociación Provincial de Reparación e Venda de Automóbiles e Recambios de Lugo (APREVAR), Luis Abelleira Mayor, asinaron esta semana un convenio a través do que a institución provincial achega 40.000 euros para a compra de instalacións da entidade, que agrupa a 522 asociados e aglutina a uns 2.000 traballadores e traballadoras.
Tomé Roca destacou que esta achega é unha mostra do compromiso e apoio da institución provincial “aos sectores produtivos da provincia para dinamizar a economía e manter e crear emprego, como o dos automóbiles”.
Esta achega ten como obxectivo axudar a financiar a compra das instalacións de máis de 2.500m2 que APREVAR ten na cidade de Lugo. APREVAR dispón nestas infraestruturas de aulas, talleres diferenciados por ramas de actividade, salón de actos e, entre outros recursos, dunha biblioteca.
A Asociación Provincial de Reparación e Venta de Automóbiles e Recambios de Lugo foi fundada en 1997 para representar, xestionar e defender ao sector da automoción da provincia de Lugo. Dispoñen dunhas instalacións na Campiña, na cidade lucense, que conta con aulas, talleres de formación, salón de actos ou biblioteca. Ofrece aos seus membros servizos técnicos: ITV, certificacións de talleres, información técnica, préstamo de maquinaria; sobre industria: información e asesoramento, altas e baixas no rexistro industrial, cambios de titularidade, traslados, modelos de factura e presuposto; sobre formación: cursos e talleres previstos coas últimas tecnoloxías en maquinaria e ferramentas, dirixidos a persoas desempregadas e traballadores, certificados de profesionalidade e, xornadas; asesoría xurídica, laboral, fiscal ou medioambiental, entre outros.