A Deputación acolle un seminario sobre turismo do Eixo Atlántico
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, foi a encargada de darlle a benvida onte aos 60 participantes no III Seminario de Intercambio de Experiencias Turísticas.
Un encontro promovido polo Eixo Atlántico que se celebra onte e hoxe para favorecer o impulso deste sector en Galicia e no norte de Portugal que está a ter lugar na provincia.
García Porto reuniuse cos participantes no Mazo de Santa Comba, pouco antes de coñcer o Centro de Interpretación da Reserva da Biosfera Terras do Miño e o centro histórico da cidade de Lugo.
A programación continua hoxe no Salón de Actos do Pazo de San Marcos coas mesas redondas Turismo de autor e de fronteira e O Turismo de sempre dunha forma distinta.
García Porto destacou a importancia de acoller esta iniciativa que “permitirá impulsar un sector tan importante para a economía e o emprego como é o turismo, sobre todo desde un modelo de calidade e sostible, que deixa valor no territorio”.