A Deputación acolleu a presentación do Criterium Aeronáutico que se fará en Rozas

LugoXa | TerraChaXa
Esta cita é xa un espazo de encontro, aprendizaxe e divulgación recoñecido dentro e fóra das nosas fronteiras
presentacion-criterium-aeronautico
17 Jul 2025

A Sala de Xuntas da Deputación Provincial acolleu este xoves a presentación oficial do XVII Critérium Aeronáutico e da XXXIX edición da Volta Aérea Galaico-Duriense, que terán lugar do 25 ao 27 de xullo no Aeródromo de Rozas. Na presentación participaron o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca; o presidente do Real Aeroclub de Lugo, Francisco Javier Abelleira Álvarez; a tenente de alcalde e concelleira de Cohesión Territorial do Concello de Lugo, Ana González Abelleira; o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, e o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, entre outras autoridades.

José Tomé destacou o apoio da Deputación a este evento, ao que destina unha achega de 10.000 euros, e que “sitúa á provincia como referente no mundo da aviación deportiva e da divulgación científica”. Subliñou que esta colaboración enmárcase na aposta da institución “polo impulso de actividades que dinamizan o rural, que xeran impacto positivo e que combinan espectáculo, formación e oportunidades”.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, gabou tamén a longa traxectoria deste certame, destacando que “é unha cita atractiva tanto para os amantes da aviación como para a cidadanía en xeral, xa que ofrece unha maneira amena, participativa e segura de achegarse á cultura aeronáutica”.

O evento, organizado polo Real Aeroclub de Lugo, contará cunha ampla programación aberta a todos os públicos: saltos en paracaídas (en tándem e con instrutor profesional), voos de introdución e acrobáticos, exposicións de drones e aeronaves, exhibicións de pilotos profesionais e unha mostra de proxectos do ciclo de Aeromecánica do CIFP As Mercedes, como o simulador de voo desenvolvido por alumnado do centro. Ademais, estará presente o globo aerostático da Federación Aeronáutica Galega.

O presidente do Aeroclub, Francisco Abelleira, agradeceu a implicación das administracións e entidades colaboradoras, así como o traballo do equipo organizador, destacando que “sen o seu esforzo e compromiso non sería posible manter o alto nivel de calidade que caracteriza ao Critérium”. Sinalou tamén que esta cita “é xa un espazo de encontro, aprendizaxe e divulgación recoñecido dentro e fóra das nosas fronteiras”.

Pola súa banda, Javier Arias fixo fincapé en que esta iniciativa contribúe tamén a poñer en valor o aeródromo de Rozas como infraestrutura estratéxica, e recoñeceu “a paixón e dedicación da familia Abelleira para garantir a continuidade deste evento ano tras ano”.

Para rematar, José Tomé definiu o Critérium como “un exemplo de boa organización, colaboración institucional e visión de futuro”, e convidou á cidadanía a participar dunha fin de semana “na que a aviación, a innovación e o territorio se dan a man”.

⚙ Configurar cookies
0.1544349193573