A Deputación adxudica a mellora de sete vías da zona centro da provincia

LugoXa | TerraChaXa
As estradas pasan polos concellos de Begonte, Friol, Lugo, Outeiro de Rei, Vilalba e Antas de Ulla
Pablo-Rivera-Deputación-de-Lugo
17 May 2025

A Xunta de Goberno da Deputación deu tamén luz verde á adxudicación das obras de mellora noutras 7 estradas da nosa provincia ao seu paso por Begonte, Friol, Lugo, Outeiro de Rei, Vilalba e Antas de Ulla. En primeiro lugar, a empresa Cholo SL encargarase dun proxecto de mellora de diferentes tramos de cinco desas estradas provinciais por 316.723,37€. En concreto do acondicionamento:

- Da práctica totalidade da LU-P-0802, que conecta Begonte e Santalla.
- Da LU-P-2905 completa, desde Ombreiro a Aspai.
- Tamén da LU-P-3903 completa. Esta é a vía que vai de Santo Estevo a Donalbai.
- A LU-P-3904, na súa totalidade, desde Xueus a Feira de Gaioso.
- E a práctica totalidade da LU-P-5101, que é a que une Rábade e Friol.

Os traballos en todas estas vías consistirán na reapertura de cunetas, reparación de desperfectos e repavimentación. O prazo de execución para todas as obras é de 4 meses desde o seu inicio. “Un proxecto moi importante porque virá a mellorar de xeito significativo as comunicacións na confluencia dos concellos de Begonte, Friol, Lugo e Outeiro de Rei”, valorou Rivera Capón.

Tamén á empresa Cholo SL quedou adxudicado, no concello de Vilalba, outro proxecto para rehabilitar preto de tres quilómetros na LU-P-6508, que é a estrada que conecta os lugares de Vilate e Ribado, na parroquia de San Martiño de Lanzós. Os traballos, cun prezo de 59.300,46€, afectan á metade da vía, no tramo final da mesma. En concreto, as obras comezarán no quilómetro 2 e consistirán na reapertura de cunetas, o saneo da explanada, reparación de desperfectos e repavimentación.

O prazo de execución será de un mes desde que comecen os traballos e “neste caso é unha actuación importante para o concello chairego porque esta é unha das parroquias máis grandes do municipio, na que viven preto de 500 veciños e veciñas e que conta con diferentes puntos de interese como a Casa-Escola de Lanzós, o castro do Adro, ou a capela de San Andrés”, subliñou o Deputado.

En Antas de Ulla á empresa Leonardo Miguélez SL resultou adxudicataria dun proxecto para mellorar case a metade da LU-P-0301, que une a vila de Antas co límite da provincia de Pontevedra, por Rodeiro. Os traballos, cun prezo de 131.560,88€, afectan ao último tramo da estrada -do punto quilométrico 3,657 ao 6,527- e consisten na reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización. O prazo de execución será de un mes e a actuación dará continuidade aos traballos que está a realizar a Deputación no tramo anterior da vía, que é o que dá acceso ó Parque Central de Galicia en Nugallás, con preto de medio millón de euros.

⚙ Configurar cookies
0.16774392127991