A Deputación anuncia un investimento de 12 millóns de euros para a mellora de 280 quilómetros de estradas

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Entre os traballos previstos está o desdobramento da avenida Infanta Elena e actuacións no cinto comarcal de Lugo
TOME-PLAN-DE-ESTRADAS-DEPUTACION
3 Dec 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, avanzou este martes no Pazo de San Marcos a posta en marcha do primeiro paquete de actuacións que se acometerán na rede viaria provincial con cargo ao investimento previsto para mobilidade nos Orzamentos 2025. “Máis de 12 millóns de euros destinados a mellorar máis de 280 quilómetros da rede de estradas provinciais en todo o territorio, de norte a sur e de leste a oeste”, detallou o mandatario provincial.

Recordou o Presidente que “a mellora da mobilidade é un dos grandes piares da nosa acción de Goberno e por iso lle imos destinar máis do 21 % do total dos fondos, acadando os 27 millóns de euros”. Unha partida que se incrementa un 42% respecto a este ano, no que hai destinados ás estradas 19,4 millóns de euros, “e do 100% en relación co ano 2019, que foi cando cheguei á Presidencia da Deputación de Lugo”.

“Un ambicioso plan de obras que supón o maior investimento realizado ata o momento na rede viaria provincial”, valorou Tomé Roca, asegurando que o obxectivo principal deste investimento é reforzar a seguridade, a comodidade dos desprazamentos e as oportunidades de desenvolvemento económico en todas as comarcas. “Actuaremos practicamente na totalidade dos concellos”, informou, engadindo que o departamento de Vías e Obras da institución provincial dedicou varios meses a “un minucioso traballo de análise e diagnóstico sobre o estado da extensa rede viaria provincial, identificando prioridades e establecendo unha folla de ruta clara para as actuacións máis urxentes”.

Avanzou que en total son máis de 80 proxectos, “que non miran cores políticas nin intereses persoais” e nese sentido revelou que “o 60% do investimento previsto será en concellos gobernados polo PP, e o 40% en concellos gobernados polo Partido Socialista e polo BNG”. Explicou que as actuacións serán moi diversas, pero que na maioría dos casos terán que ver coa renovación do firme. Tamén para mellorar a seguridade viaria con pintados, desbroces e renovación de sinalización. E puxo algún exemplo das actuacións previstas pola Deputación:

  • No cinto comarcal, a LU-P-1611, “que como saben é unha vía moi extensa con 131 quilómetros, vamos actuar con cinco proxectos ao seu paso polos concellos do Corgo (dous treitos), Castro de Rei, Castroverde e Begonte cun investimento que superará os dous millóns de euros para arranxar máis de 12 quilómetros”.
  • En Ribadeo, “vamos actuar na estrada LU-P-5207, que une Ribadeo con Vilela cun proxecto que superará os 200.000 euros”.
  • Portomarín, na estrada LU-P-4902, que une Alto do Valiño con Valdeporrás, a Deputación destinará máis de 300.000 euros.
  • Castro de Rei, na LU-P-1106, que conecta o núcleo de Castro de Rei con Campo do Oso por Reigosa, a institución provincial investirá preto de medio millón de euros.
  • Xove, hai previstas varias actuacións, unha delas é na estrada que vai a Valcarría por Monte. Trátase da LU-P-2604, onde o investimento da Deputación superará os 210.000 euros para o arranxo de máis de 11 quilómetros.
  • Guntín, na LU-P-2405, que vai de Guntín a San Román por Entrambasguas, a institución provincial acometerá unha obra que se achegará aos 240.000 euros de investimento.
  • Negueira de Muñiz, a Deputación mellorará a LU-P-3601, que conecta Acebo co núcleo de Negueira, cun orzamento que supera os 300.000 euros.
  • Na zona sur tamén, con actuacións nos concellos de Pantón, Sober, Bóveda e O Saviñao, entre outros.

Tomé Roca puxo ademais outros exemplos como os traballos que se acometerán en Lugo co desdobramento de Infanta Elena, “para o que temos consignado máis dun millón de euros e que vamos executar tamén no vindeiro ano”. Unhas obras que, segundo avanzou, completarán o desdobramento e a humanización desta avenida, acometendo unha segunda fase que afecta ao treito que vai da glorieta 25 de Novembro á de Benigno Rivera.

“Na Deputación de Lugo, entendemos que a mobilidade é un factor clave para o equilibrio territorial e, polo tanto, para axudar a fixar poboación”, explicou o Presidente, quen lembrou que “para entender a dimensión do esforzo económico que estamos facendo neste ámbito e o reto que supón, basta lembrar que a Deputación de Lugo ten a rede de estradas provincial máis extensa de toda España, con 4.217 quilómetros, e tres veces maior que a da Xunta na provincia de Lugo”.

Fronte o ruído, política de feitos

O Presidente argumentou que seguirá traballando, como fixo sempre, “lonxe do ruído que queren facer outros. Así actuamos neste Goberno provincial: cun proxecto de futuro ben definido, marcando uns obxectivos e cumpríndoos cun plan de traballo realista e serio”.

Tras anunciar este novo investimento, de máis de 12 millóns e euros para a mobilidade da provincia, valorou que “os bos gobernantes non son aqueles que máis falan ou que máis fotos sen fan. Son os que máis executan os Orzamentos; os que cumpren cos obxectivos marcados no seu proxecto; e os que respectan a palabra dada aos veciños, porque os anuncios non lle cambian a vida á xente. O que lle cambia a vida á xente son os feitos”.

Nese sentido, asegurou que iso será o que seguirá facendo o equipo de Goberno que lidera, “traballar todos os días para converter en feitos e realidades o noso proxecto. Un proxecto que pensamos que é o mellor para esta provincia, para os concellos, para o tecido económico e, en definitiva, para os nosos veciños e veciñas”.

0.17389607429504