A Deputación apoia a Feira L de Lugo da asociación da distribución de hostalería e alimentación lucense
A Deputación de Lugo colabora coa I Feira L de Lugo organizada pola Asociación de Distribuidores de Hostalería e Alimentación de Lugo (ADIS) no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo dende este sábado ao luns 29 de novembro. A institución provincial achega 15.000€ para a celebración desta cita e estará presente cun expositor, no que os asistentes atoparán información sobre as iniciativas enfocadas ás empresas impulsadas polo organismo provincial e a oferta turística que se pode atopar na provincia.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, visitou esta feira que supón un impulso para os distribuidores da provincia de Lugo. “Dende Deputación de Lugo anunciamos ao comezo da crise sanitaria que estariamos a carón dos sectores que máis o necesitasen e esta colaboración volve a demostrar que o estamos facendo, que estamos colaborando para favorecer a recuperación dos sectores máis afectados pola pandemia, como son a hostalería, o turismo e o comercio de proximidade”, subliñou a Deputada.
L de Lugo reúne un centenar de expositores e os asistentes poderán asistir tamén a showcookings, catas e exposicións de maquinaria específica para o sector de distribución e de hostalería. A cita estará aberta o sábado e o domingo ao público xeral e o luns será o día dedicado aos profesionais.