A Deputación apoia as reivindicacións dos alumnos do IES de Becerreá
No Pleno de onte tamén saíu adiante unha proposta socialista en apoio das reivindicacións dos alumnos e alumnas e da comunidade educativa do IES de Becerreá e en defensa da calidade do ensino rural. Unha iniciativa que contou coas votos a favor do PSdeG e o BNG e os votos en contra do PP.
A institución provincial insta á Consellería de Educación a recuperar a optativa de francés no IES de Becerreá, tamén a atender as reivindicacións sobre falta de profesorado e sobre as agrupacións inadecuadas do alumnado nas aulas, e pide que se adopten medidas necesarias para garantir que o ensino público no rural achegue a nenos e nenas, rapaces e rapazas unha oferta educativa en pé de igualdade á que se dá nas cidades.
A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, expuxo que ao inicio deste curso comezaron as mobilizacións en Becerreá para pedir que se recupere a materia optativa de francés, sendo a última manifestación o 19 de xaneiro. “Estas protestas convertéronse nun símbolo de contestación social que xera en Galicia o ataque ao ensino público que leva a cabo a Consellería de Educación e a Xunta, un exemplo de rexeitamento que a sociedade galega amosa ante unha xestión que ignora a realidade galega e quere impoñer un modelo de dúas velocidades, un para o rural e outro para as cidades”.
García Porto lembrou que neste centro se eliminou a optativa de francés a pesar de que había alumnado matriculado nela e que contaban co materia para poder sumar 2 puntos na cualificacións da ABAU, tendo en conta que no IES traballa unha docente con horario dispoñible para impartir a materia. A Xunta eliminou esta optativa ao ditar que se supriman aquelas materias nas que non haxa un mínimo de cinco alumnos e alumnas, “unha medida que amosa un descoñecemento absoluto da demografía do rural e do propio concepto de optativa”.
“O que acontece en Becerreá non é, por desgraza, un caso illado”, relatou a Deputada. “Esta situación súmase ao peche unilateral do colexio de Baamonde, a agrupación do alumnado nas Nogais, ou a redución de docentes no IES Lamas das Quendas, entre outros múltiples exemplos”, referiu García Porto ao explicar que a moción defende “un ensino público, universal e de calidade, que garanta unha igualdade de oferta e oportunidades para a mocidade da provincia con independencia do lugar no que residan”.