A Deputación apoia un proxecto europeo para recuperar pasteiros nos Ancares e Negueira de Muñiz

O 'Life Wild Pollinators' contará con 250.000 euros da área de Rural para impulsar actuacións na montaña lucense
proxecto-Life-Wild-Pollinators-Deputación-de-Lugo-Negueira-de-Muñiz
3 Feb 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia o desenvolvemento do proxecto Life Wild Pollinators, promovido pola Cooperativa de Gandeiros da Carqueixa e a Asociación Corripa, destinado á recuperación de pasteiros e á conservación de insectos polinizadores en espazos de montaña.

As entidades promotoras presentaron a iniciativa á convocatoria de fondos europeos Life Natura and Biodiversity, cuxa resolución se agarda para o vindeiro mes, coa colaboración da área de Rural, que comprometeu unha achega de 250.000 euros en cinco anualidades para desenvolver actuacións na montaña lucense. Este apoio económico, que supón a principal contribución institucional ao proxecto en Galicia, dá continuidade á colaboración que Rural mantén coa cooperativa gandeira e coa asociación ambientalista de Negueira de Muñiz, integradas desde o inicio en programas como Da Escola á Granxa.

A Vicepresidencia destacou “a potencialidade da rede de granxas e proxectos de emprendemento creada arredor de programas como Da Escola á Granxa e do soporte económico e organizativo que a área de Rural ofrece ao sector agrogandeiro da provincia, ao tecido investigador e ás iniciativas de conservación do territorio”.

O proxecto LIFE Wild Pollinators, cun orzamento de 8 millóns de euros, busca desenvolver modelos de xestión territorial que protexan os hábitats de montaña e, en particular, as plantas e insectos polinizadores silvestres, freando o seu declive e mitigando os problemas ocasionados pola súa perda.

O apoio económico da área de Rural garante que parte das actuacións – que abranguen territorios de España (Cordilleira Cantábrica), Francia (Pirineos) e Portugal (Serra da Estrela) – se desenvolvan na provincia de Lugo, concretamente na Reserva da Biosfera dos Ancares lucenses e na Zona de Especial Conservación de Negueira de Muñiz.

As entidades promotoras confían en obter unha resolución favorable da Comisión Europea o próximo mes, o que permitiría, só na provincia, a creación de 8 postos de traballo durante cinco anos e a recuperación e restauración de pasteiros de centos de gandeiros que xa se comprometeron co proxecto, ademais de conservar centenares de especies de polinizadores silvestres.

Desde hai milenios, as flores dos prados de dente e sega atraen unha enorme diversidade de insectos polinizadores, como abellas, abellóns, moscas, bolboretas, avelaíñas e escaravellos, moitos deles exclusivos destes hábitats. Actualmente, a riqueza de especies de plantas e polinizadores asociados aos hábitats agrogandeiros montañosos e subalpinos do sur de Europa atópase en claro declive e depende da supervivencia destes modos tradicionais e sostibles de xestión da montaña.

⚙ Configurar cookies
0.082916975021362