A Deputación aporta 200.000 euros para rehabilitar o campo de fútbol de Rábade
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Rábade, Francisco Fernández Montes, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración polo cal a institución provincial achega 200.000€ a este municipio para a rehabilitación do campo de fútbol Catro Ventos. Os traballos, financiados integramente pola institución provincial, consistirán na renovación do muro de peche, a mellora das bancadas e a pavimentación da zona peonil.
“Trátase dunha actuación moi importante porque estas instalacións deportivas dan servizo ó equipo local, pero tamén son empregadas por moitos nenos e nenas da localidade para practicar fútbol, e mesmo para a realización de diferentes campus durante o verán”, sinalou Tomé Roca.
O proxecto contempla a renovación do peche do campo, a dotación de novas portas de acceso tanto peonil como de vehículos, a rehabilitación da bancada e a renovación da cuberta. Pavimentarase a zona peonil existente e que dá acceso ás bancadas, tamén a plataforma para o acceso de ambulancias e de maquinaria, mellorarase o firme da zona do ximnasio existente na esquina da rúa Cantarrana co camiño Carpaciñas e demolerase a caseta de madeira do outro lado, entre a rúa Bautista Núñez e Carpaciñas.
O presidente enmarcou esta actuación na “cooperación continua que mantemos con todos os municipios da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos ós seus veciños”. Nesta liña, a Deputación inxectou máis de 1,6M€ desde o principio do mandato no concello de Rábade.