A Deputación aproba a licitación do polígono industrial da Fonsagrada

LugoXa
O proxecto responde a unha demanda histórica da veciñanza e do tecido empresarial da zona
Convenio-Deputación-de-Lugo-coa-Fonsagrada
11 Jul 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo celebrada este venres aprobou cun orzamento de máis de 2,6 millóns de euros a licitación das obras de urbanización do polígono industrial da Fonsagrada. Así o explicou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, e avanzou que “esta é unha actuación estratéxica para dotar a este municipio da montaña de solo industrial e terciario, algo fundamental para impulsar o desenvolvemento económico dun concello que, ata o de agora, carecía deste tipo de infraestrutura. O proxecto responde a unha demanda histórica da veciñanza e do tecido empresarial da zona”.

“Hai que lembrar que este polígono está recollido no Plan Xeral de Ordenación Municipal e que foi posible avanzar grazas ó compromiso institucional da Deputación, que no seu momento financiou a redacción do proxecto cun investimento de preto de 36.000 euros, e asumiu tamén a aportación de arredor de 600.000 euros para a execución das obras”, sinalou García Porto.

Coa licitación destes traballos A Fonsagrada contará cunha infraestrutura necesaria para atraer actividade empresarial e xerar novas oportunidades de emprego. Nesta liña, recalcou a Voceira que “segundo destacan os informes técnicos, esta actuación terá un efecto multiplicador sobre o conxunto da territorio da Montaña, contribuíndo a fixar poboación e a reforzar a actividade económica no interior da provincia.”

O procedemento de licitación prevé criterios de valoración que combinan a mellor oferta económica cunha memoria técnica solvente, ademais de ter en conta a ampliación da garantía e a proposta de posta en valor das obras executadas. “Deste xeito, tratamos de asegurar que esta intervención se execute coas máximas garantías e cun enfoque de calidade, porque este polígono industrial é unha oportunidade para darlle futuro a un territorio con este proxecto tan necesario e demandado”.

⚙ Configurar cookies
0.19841003417969