A Deputación aproba a licitación do último desdobramento da avenida Infanta Elena
A Xunta de Goberno acordou este venres arrancar o proceso para contratar os traballos, que afectan ao tramo que vai da glorieta 25-N á de Benigno Rivera, dándolle así continuidade aos xa acometidos entre o cruce coa Ronda Norte e a glorieta 25-N, que levan máis dun ano en servizo cun “excelente resultado e valoración” pola veciñanza.
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación das obras que completarán o desdobramento e a humanización da Avenida Infanta Elena, por un importe que ascende a 1,5M€. Con esta segunda fase das obras, que afectan ao tramo que vai da glorieta 25-N á de Benigno Rivera, a institución provincial dará continuidade ao proxecto xa acometido nunha primeira fase, cun investimento de máis de 1M€, no treito que discorre entre o enlace da Avenida Infanta Elena coa Ronda Norte e a glorieta 25 de Novembro.
“Seguimos o mesmo modelo de colaboración entre a Deputación e o Concello de Lugo, tal e como quedou formalizado no convenio que asinaron a finais de marzo o Presidente provincial, José Tomé Roca, e a Alcaldesa, Lara Méndez”, apuntou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen destacou “que estamos en permanente contacto e coordinación co Concello de Lugo para que as tarefas que debemos facer cada unha das administracións vaian paralelas e acompasar así os tempos, co obxectivo de acometer o proxecto da maneira máis áxil posible”. Desta forma, engadiu, “lograremos que, en canto estean expropiados os terreos, poderán comezar de inmediato as obras, pois, co proceso que iniciamos hoxe, xa estarán adxudicadas”.
A Deputación financia integramente as obras cun investimento de 1,5M€, ademais de redactar o proxecto técnico e encargarse da contratación e da execución dos traballos. Pola súa banda, o Concello promove a obra e aportará os terreos para acometer a actuación.
Rivera Capón lembrou que a primeira fase da renovación, que leva un ano en servizo, “tivo un resultado excelente e está moi ben valorada polos veciños”. Polo que, nesa mesma liña a institución provincial acometerá “unha actuación urbanística coidada, con criterios de humanización e sostibilidade, para continuar mellorando a seguridade e a comodidade dos peóns, dos ciclistas e dos condutores”. Unha actuación, engadiu, “acorde coa entidade desta Avenida, que é a principal vía de entrada e saída da cidade de Lugo pola súa parte norte; que concentra unha gran actividade comercial; que comunica co polígono industrial do Ceao; e que actúa como distribuidora do tráfico pola cidade”.
A Deputación cumpre
Polo tanto, desde a Deputación de Lugo, subliñou o Deputado, “continuamos traballando pola provincia coa mesma intensidade e firmeza que sempre demostramos, cun único obxectivo, que é mellorar as dotacións e servizos dos veciños e veciñas con proxectos tan importantes coma este”. Mentres tanto, destacou, “temos que lamentar que a Xunta de Galicia segue sen cumprir con Lugo e, por riba, lonxe de ofrecer unha colaboración leal, vemos frecuentemente como centra esforzos en entorpecer o labor que outras administracións, como esta institución provincial, estamos a facer para que a provincia conte con máis e mellores infraestruturas”.
O proxecto
A segunda fase das obras para o desdobramento e humanización da Avendida Infanta Elena que a Deputación vén de licitar esta mañá en Xunta de Goberno terán un prazo de execución de 12 meses, unha vez iniciadas.
Entre a glorieta 25-N e a da Garaballa, a marxe dereita da calzada pasará de dous carrís de circulación a tres, cun ancho total de 10,25 metros. Polo que respecta á marxe esquerda, manterase a distribución de tres carrís existente, cunhas beirarrúas de 2,25 metros de ancho e un carril bici que dará continuidade ao do tramo anterior. O proxecto contempla tamén a humanización da mediana central, que xa conta con céspede natural, na que se plantarán árbores e especies arbustivas.
O treito da glorieta da Garaballa á de Benigno Rivera contará con dúas marxes de calzada dun ancho de 10,25 metros cada unha, distribuídas en tres carrís de circulación por sentido. Ademais, a marxe dereita dotarase dun carril bici cun ancho de 3 metros, e no caso das beirarrúas terán 4,05 metros de ancho a ambos lados, con árbores, iluminación, bancos e papeleiras.
Estes traballos tamén inclúen a renovación dos servizos de abastecemento, saneamento e alumeado público, tendo en conta a situación actual e as demandas futuras que poida ter a contorna, como pode ser o desenvolvemento de solos urbanos ou urbanizables. Esta proxecto vertebra todas as súas accións tendo en conta o Plan de Mobilidade e Espazo Público de Lugo.