Convocadas as feiras do libro de Lugo, Foz, Viveiro e Monforte

LugoXa | RibeiraSacraXa | AMariñaXa
O director xeral de Cultura participa na presentación desta iniciativa, baixo o título ‘Atopa a túa Historia’, na que se desenvolverá unha maior variedade de actividades.
6 Abr 2024

O director xeral de Cultura participa na presentación desta iniciativa, baixo o título ‘Atopa a túa Historia’, na que se desenvolverá unha maior variedade de actividades.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do calendario das Feiras do Libro de 2024, no que colaboran a Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia. Grazas a el, un total de 13 municipios encherán as súas rúas de libros desde finais de abril ata finais de agosto.

Este ano, o calendario chega con importantes novidades, entre as que destaca o regreso da Feira do Libro de Vigo ao centro, localizándose na praza de Compostela. Tamén se reforzarán todas as citas con maior variedade de eventos, contando con mesas redondas, presentacións, actividades infantís e debates, entre outras actividades.

Baixo o título Atopa a túa Historia, a cita inaugural será en Ferrol, do 19 ao 21 de abril. A Feira do Libro de Santiago de Compostela celebrarase do 27 de abril ao 5 de maio; no Porriño será do 9 ao 12 de maio, e en Lugo do 13 ao 17 dese mesmo mes. Xa en xuño, Ourense acollerá a súa feira do dia 5 ao día 8, mentres que en Redondela será do día 13 ao día 16. Vigo abrirá o 1 de xullo, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas do 11 ao 14 de xullo e en Rianxo do día 24 ao día 27. Finalmente, en agosto as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña do día 1 ao día 10, a Viveiro do día 12 ao día 15, a Foz do día 16 ao día 19 e a Monforte de Lemos do día 21 ao 24 de agosto.

Así se expuxo durante a presentación, onde o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades aproveitou para enxalzar o cartel deste ano, elaborado pola cooperativa Cestola. “É un cartel vivo e evocador que busca dar vida ao concepto que acompañará este ano as feiras: un espazo de aventura e convivencia entre autores e lectores, no que atopar a historia perfecta para cada un de nós”, dixo. Neste senso, remarcou o papel que xogan as librarías na nosa Comunidade: “Son espazos vivos, contribúen a facer crecer os nosos barrios e aportan un plus de profesionalización ao sector, facendo crecer o tecido literario galego”.

Mellora do convenio de colaboración

Máis alá da realización das Feiras do Libro por toda a xeografía galega, a Xunta e a Federación de Librarías contan cun amplo programa destinado a mellorar o sector literario galego. Para iso, a Consellería de Cultura ratifica o seu convenio coa entidade.

Este ano, a colaboración entre entidades posibilita a realización dun proxecto de formación continua para as librarías asociadas, con cursos que afondarán en temas tan importantes como a Intelixencia Artificial dentro do sector libreiro e editorial. Así mesmo, tamén se desenvolverán actividades dentro das librarías galegas, axudando especialmente a aquelas que teñen maiores complicacións na súa programación.

Ademais, este ano traballarase na creación dunha intranet para as librarías federadas que permita unha maior coordinación e difusión das actividades realizadas. “É un dos proxectos estrela deste 2024, ano no que queremos continuar mellorando o crecemento e asentamento do sector literario en Galicia, e o posicionamento das librarías como espazos de convivencia e profesionalización do sector”, concluíu Anxo M. Lorenzo.

0.20561408996582