A Deputación aproba novos investimentos en vías e adxudica outros en tres comarcas

Pol
LugoXa | TerraChaXa | RibeiraSacraXa
As actuacións corresponden aos concellos de Pol, Castroverde e Pedrafita, no primeiro caso, e a Monforte, O Corgo, Cospeito e Vilalba, no segundo
Pablo-Rivera-Deputación-de-Lugo
26 Apr 2025

A Deputación de Lugo aprobou este venres destinar preto de 3 millóns de euros para seguir mellorando a mobilidade da provincia a través da licitación e a adxudicación de diferentes contratos. Así o avanzou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, tras a reunión semanal da Xunta de Goberno.

Por unha banda, Rivera Capón explicou que “licitamos novos proxectos para acondicionar dúas estradas ao seu paso polos concellos de Pol, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro cun investimento conxunto de máis dun millón de euros”.

Entre Pol e Castroverde mellorarase cun investimento de máis de 650.000 euros a un tramo de algo máis de 1,3 quilómetros do cinto comarcal, a LU-P-1611. “Trátase dunha actuación que supón unha gran mellora en materia de seguridade para os veciños e veciñas que empregan diariamente esta estrada e que é unha verdadeira arteria de comunicación para a comarca de Lugo”. Sobre este proxecto tamén avanzou que “por cuestións alleas á Deputación e por causas da empresa que resultou adxudicataria no seu momento, vémonos na obriga de sacalo a licitación novamente”.

Os traballos afectarán ao treito que vai do punto quilométrico 106,5 ao 107,8 e consistirán na reconstrución da ponte que está situada no río Azúmara, na pavimentación con aglomerado en quente e na sinalización da vía mediante marcas reflexivas brancas. Ademais, tamén se realizará a plantación de árbores, entre outras medidas ambientais. O prazo de execución destes traballos é de 9 meses desde o inicio das obras.

En Pedrafita do Cebreiro investiranse preto de 390.000 euros na mellora de case medio quilómetro da LU-P-1301, a vía que conecta Seoane do Courel co municipio montañés polas parroquias de Hospital e Vilela. As obras que se van realizar entre o punto quilométrico 6,8 e o 7,3 consistirán no ensanche da estrada ata os 10 metros, na drenaxe, no afirmado, na sinalización horizontal e vertical e no tratamento da paisaxe. O prazo de execución destes traballos é de 6 meses desde que comecen as obras.

“Con este proxecto levamos máis dun millón de euros investidos na mellora e no acondicionamento desta estrada, que é unha das principais vías de comunicación da Montaña”, recordou o Deputado Provincial.

Adxudicacións

A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación doutros tres proxectos para a mellora de estradas nas comarcas da Ribeira Sacra, Lugo e a Terra Chá.

“A empresa Ovisa Pavimentos y Obras SLU encargarase das obras de acondicionamento da estrada que conecta Monforte de Lemos e Sober –a LU-P-3201- ó inicio da vía, nun tramo que comprende algo máis da metade do trazado desta estrada, do punto quilométrico 0,814 ao 2,540. O prezo de adxudicación é de preto de 265.000 euros e un prazo de duración de 2 meses. Unha actuación, tamén moi importante, porque esta vía que dá servizo directo a multitude de veciños e veciñas da contorna, ós viñedos dos sur da provincia e tamén aos visitantes que se achegan a coñecer a Ribeira Sacra”, sinalou Pablo Rivera.

No Corgo adxudicouse á empresa Francisco Gómez y Cía SL por algo máis de 200.000 euros a rehabilitación dun treito de catro quilómetros da LU-P-2904, que conecta Conturiz, desde a N-VI ata O Páramo no enlace coa autonómica LU-4304. Esta actuación, que se realizará entre o punto quilométrico 9 e o 13,4 e que conta cun prazo de execución dun mes, completará a mellora do firme que a institución provincial realizou recentemente nos tres primeiros quilómetros da vía e o proxecto que se está levando a cabo afecta ao quilómetro 3 e 9. Pablo Rivera recordou que “a Deputación leva investido nesta estrada un total que supera o medio millón de euros”.

Tamén entre os concellos de Cospeito e Vilalba adxudicouse unha actuación para mellorar 8 quilómetros da LU-P-1702, a estrada que une Feira do Monte con Fontefría polo Pino. A empresa que se encargará das obras, que se desenvolverán desde o punto quilométrico 1,38 ao 9,214, será Cholo SL e contan cun prezo de case 400.000 euros. Esta actuación completa a que acometeu a Deputación de Lugo o ano pasado ao comezo da estrada e que ademais é unha vía de especial importancia para a comarca da Terra Chá porque dá servizo directo a máis dun milleiro de habitantes.

⚙ Configurar cookies
0.070367097854614