A Deputación aproba o investimento para dous convenios que impulsen o tecido económico e empresarial
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un investimento “importante”, de máis de 350.000 euros, para reforzar o tecido económico e empresarial da provincia. Así o informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen detallou que a sesión semanal deu luz verde a dous convenios de colaboración, un de 175.000 euros para impulsar a Fundación Agroalimentaria Galega (FAGA) e outro por valor de 180.000 euros para a creación dun Centro de Apoio Estratéxico á Empresa.
Dunha banda, a colaboración da Deputación con FAGA servirá para o impulso desta Fundación a través da contratación dunha persoa con perfil técnico e de relacións públicas para a xerencia da Fundación e da posta en marcha dun programa de formación, con 16 actividades formativas entre durante este ano e o que vén. Explicou García Porto que esta entidade, que naceu a primeiros do 2021, integra empresas, empresarios e entidades do sector agroalimentario.
“Unha achega que responde tamén ao noso compromiso co sector primario, que é unha das potencialidades da nosa provincia. Porque estamos convencidos de que a aposta polas actividades económicas do rural e no rural é vital para afrontar o reto demográfico”, sinalou a deputada.
A creación dun Centro de Apoio Estratéxico á Empresa de Lugo en funcionamento durante os exercicios 2024 e 2025 será posible grazas a un convenio de colaboración entre a institución provincial e a Confederación de Empresarios de Lugo.
Explicaba Pilar García Porto que este centro desenvolverá tres liñas de traballo: unha para a investigación e estatística, encargada de estudar a situación e o coñecemento do entorno específico das empresas lucenses para apoialas na toma de decisións; outra dirixida á mellora da súa internacionalización; e unha terceira de asesoramento, información e difusión en cuestións normativas que poden poñer en dificultades as empresas de pequeno tamaño. “Sabedes da nosa colaboración continua coa CEL, no convencemento da importancia de ter un sector empresarial forte na nosa provincia. Porque tanto os servizos públicos como o emprego son dous factores esenciais para fixar poboación, para que a xente se quede a vivir no rural”, valorou a Deputada.
Maquinaria e vehículos para o Parque Móbil
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a licitación da contratación para adquirir un semirremolque tipo góndola para o Parque Móbil por un importe de máis de 76.000€. Este vehículo, que sirve para transportar maquinaria para as obras, “é unha dotación moi importante para o Parque Móbil, porque vén substituír outra que ten xa 50 anos e que quedará para actuacións puntuais de reforzo”, explicou García Porto.
Adxudicada ademais, á empresa Auto Gomas S.A., a contratación para a renovación de 3 coches oficiais do parque móbil por preto doutros 200.000 euros. Concretamente, a institución provincial adquire tres turismos berlinas híbridos enchufables para a substitución doutros tres vehículos do Parque Móbil que tiñan en torno aos 500.000 quilómetros. “Son tres coches que son do ano 2009 e o 2006. Polo tanto, con esta renovación apostamos por unha banda pola eficiencia enerxética, a menor contaminación, adaptándonos ás normativas ambientais e ás zonas de baixas emisións, e a un menor consumo de combustible”, comentou a Deputada.
O prazo de entrega destes vehículos e a recollida dos usados é de 20 días naturais a partir da formalización do contrato.