A Deputación aproba unha convocatoria para adxudicar 9 hortos urbanos no río Rato
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou unha convocatoria para adxudicar 9 hortos urbanos que están dispoñibles no río Rato. Poderán presentar solicitude todas as asociacións ou persoas maiores de idade con residencia en Lugo ou concellos lindeiros quenon convivan con beneficiarios doutros hortos ou que non posúan terreos no concello de Lugo con potencialidade de ser cultivados.
No caso de persoas físicas, terán prioridade para solicitar calquera destas parcelas as persoas desempregadas, aquelas cunha renda per cápita menor, familias numerosas ou xubilados. No caso dos colectivos, terán prioridade aqueles sen ánimo de lucro ou representantes de centros educativos.
Os interesados poderán presentar a documentación no Rexistro da Deputación de Lugo ou na Sede Electrónica da institución durante un prazo de 10 días, que se abrirá ó día seguinte da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. As autorizacións de uso outorgaranse con carácter gratuíto e por un prazo de dous anos, con posibilidade de prórroga.
Os hortos son individuais, teñen 30 metros cadrados. A Deputación ten agora adxudicados 141 hortos dos 150 que ten habilitados no Rato. “Percibimos moi boas sensacións das persoas e dos colectivos que os traballan, e tamén estamos moi contentos coas actividades formativas que se fan todos os xoves pola tarde. Vemos un gran interese por cultivalos e sentir o reconforto de recoller as legumes ou hortalizas plantadas para o autoconsumo. Os nosos hortos, ademais, son un lugar de encontro con veciños e veciñas da cidade con intereses semellantes e permiten que as persoas logren desconectar do seu día a día facendo unha actividade que lles gusta”, asegurou a Voceira socialista.