A Deputación arranca as obras nun novo tramo da estrada de Lugo a Palas de Rei
A Deputación de Lugo vén de arrancar os traballos de mellora dun novo tramo da estrada provincial LU-P-2901, que comunica os concellos de Lugo e Palas de Rei, cun investimento de preto de 350.000€. O proxecto inclúe o acondicionamento de 8 quilómetros, que discorren entre os concellos de Lugo e Guntín, do punto quilométrico 5,5 ao 13,1.
As actuacións consisten na reapertura de cunetas, pavimentación e sinalización horizontal con marcas reflexivas brancas e o prazo de execución é de 9 meses. Unhas obras que completarán as que a institución provincial xa acometeu entre os quilómetros 21,3 e 25, e do 3,3 ao 5,4, aos que destinou un total de 260.000€. Polo tanto, entre as obras que se veñen de iniciar e as xa rematadas, a Deputación dedicou 610.000€ a estea estrada entre o pasado ano e este 2022.
Estes avances na vía beneficiarán a numerosos veciños e veciñas porque vertebra a comunicación dos concellos de Lugo e Palas de Rei, pero tamén é moi empregada polos peregrinos por situarse ao pé do Camiño de Santiago.
A mellora da mobilidade na provincia é unha prioridade da acción de Goberno marcada polo Presidente, José Tomé Roca, tal e como demostra que un terzo do Orzamento da institución está dedicado á mellora de vías provinciais e municipais.