A Deputación asegura que as obras do aparcadoiro de Santa María contan con licenza municipal

LugoXa
A Deputación de Lugo fai pública a documentación oficial correspondente á licencia municipal que obtivo do Concello lucense para acometer as obras de remodelación da contorna dos pavillóns 1 e 2 do complexo de Santa María para, entre outras actuacións, mellorar e ampliar o aparcadoiro.
Pilar García Porto
10 Abr 2024

A Deputación de Lugo fai pública a documentación oficial correspondente á licencia municipal que obtivo do Concello lucense para acometer as obras de remodelación da contorna dos pavillóns 1 e 2 do complexo de Santa María para, entre outras actuacións, mellorar e ampliar o aparcadoiro. Queren demostrar deste xeito que “no Partido Popular actúan como mentirosos patolóxicos”.

Así se manifestou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras coñecer as declaracións nas que a voceira municipal do PP, Elena Candia, xunto ao portavoz provincial do partido, Antonio Ameijide, “mentiu descaradamente” ao asegurar que a tala de árbores incluída no proxecto non ten licencia municipal. A Deputación “acometeu con licencia municipal as obras do aparcadoiro de Santa María. Solicitouse ao Concello, e concedeuna para acometer as obras, nas que está incluída a tala das árbores”. E aseguran que os populares son conscientes diso porque remitíuselles “a documentación que solicitou do expediente, incluída a referida á licencia municipal”, asegurou García Porto.

Piden que retiren as acusacións, “rectificar publicamente e pedir desculpas aos veciños por mentir a sabendas”, como demostra a documentación feita pública pola institución provincial, recalcou a Deputada. Así mesmo, a voceira do Goberno lembrou que a Deputación de Lugo xa presentou no seu día alegacións ao procedemento sancionador iniciado pola Xunta en relación coa retirada das árbores.

“Unhas alegacións que a propia Xunta de Galicia aceptou en parte. Entre outras cousas, aceptou recusar no proceso ao xefe territorial de Medio Ambiente da Xunta en Lugo, que foi quen acordou incoar o expediente. Creo que este é un punto moi importante, porque a Xunta de Galicia aceptou recusar ao seu propio representante, o que decidiu abrir este proceso”.

Sinalan a actuación da Xunta como “inxusta”

A institución presentará un recurso de alzada contra a proposta de sanción que vén de recibir “porque consideramos que non é axustada a Dereito, e, se a Xunta non o acepta, recorreremos ao Tribunal Contencioso Administrativo, esgotando a vía xudicial e chegando ao Tribunal Supremo, se é necesario”. Trátase dun expediente “que foi instruído, claramente, por motivos políticos por un funcionario da Deputación que está ocupando agora un cargo na Xunta -o xefe territorial de Medio Ambiente-, e que precisamente acaba de perder ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o seu recurso contra a Relación de Postos de Traballo da Deputación”.

Creen que se trata dunha actuación da Xunta “inxusta e arbitraria porque trata de impoñer unha sanción maior a un funcionario da Deputación que á propia institución, que é a que decide facer as obras”, engadiu. E asegura que non comparten a maneira de facer política “do Partido Popular, de ruído, de crispación e de bulos, que non aportan nada aos veciños da nosa provincia. Dende o

Goberno provincial continuaremos facendo un traballo, serio e rigoroso, para sacar adiante investimentos e proxectos que contribúan a mellorar a vida da xente, porque nós si que temos un proxecto de futuro para esta provincia, con propostas realistas e útiles”, recalcou a voceira socialista do Goberno.

0.18796420097351