A Deputación asumirá a xestión e mantemento dos hortos urbanos dos Paxariños

A Deputación de Lugo será a encargada da xestión e mantemento dos 32 hortos urbanos dos Paxariños tras a sinatura dun convenio de colaboración co Concello. O acordo, cun investimento de 57.000 euros, abrangue dous anos de duración, desde finais de 2025 ata mediados de 2027, e permitirá optimizar a administración destes espazos de cultivo situados entre a ladeira de Fontiñas e o paseo fluvial do Rato, ao carón do barrio de Xuíz.
As parcelas, que ocupan algo máis de 1.000 metros cadrados, están xa practicamente adxudicadas: 31 delas teñen beneficiarios asignados, que poderán utilizalas de balde durante dous anos prorrogables por outros dous, mentres que a restante se adxudicará mediante concorrencia competitiva, atendendo a criterios sociais como atoparse en situación de desemprego, representar a un centro educativo ou traballar nun colectivo social.
A institución provincial tamén poñerá á disposición das persoas usuarias un servizo gratuíto de mantemento e asesoría. Pola súa parte, os beneficiarios comprométense a conservar as parcelas en boas condicións, reservándose a Deputación o dereito de recuperalas en caso contrario.
O convenio foi asinado no Pazo de San Marcos polo presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez. Tomé destacou que o obxectivo é mellorar a eficiencia na xestión e reducir duplicidades de gasto, lembrando que a Deputación xa ten experiencia coa administración dos 150 hortos do Parque do Rato. Fernández subliñou que a cooperación entre administracións garante a continuidade dun proxecto moi valorado pola veciñanza, que promove a sostibilidade, a cohesión social e a educación ambiental.