A Deputación celebra con Auxilia o 50 aniversario da entidade
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou hoxe en Lugo na inauguración da exposición que conmemora os 50 anos de Auxilia Lugo. Un acto que acolleu a rúa da Raíña, onde se poderá visitar a mostra ata o 13 de maio.
Tomé Roca felicitou ao colectivo polo seu medio século de vida e por esta exposición que repasa os principais fitos e acontecementos, ademais de darlle ánimo para seguir adiante.
“Parabéns ao seu Presidente, a todo o equipo directivo e a todos os socios e as socias por este longo período de compromiso e de traballo continuado, centrado en visibilizar a situación das persoas con diversidade funcional, en garantir a súa dignidade e a súa integración en todos os ámbitos, e en conseguir a súa autonomía a través de melloras que faciliten a súa mobilidade”, destacou.
Con respecto á exposición, enxalzou que “mide o moito que temos avanzado no terreo da integración, pero estou convencido de que Auxilia vai seguir traballando para recordarnos todo aquelo que aínda está pendente, todo o que nos queda por facer”. E nese sentido, avanzou Tomé Roca que a Deputación “estará aí, coma sempre, para escoitar e atender na medida que poidamos o que nos plantexen, porque, dende logo, o resultado do traballo e do compromiso que leva facendo Auxilia nestes 50 anos fainos mellores a todos e a todas como sociedade”.
34 millóns de euros
O Presidente fixo fincapé no firme compromiso que a Deputación de Lugo ten coas políticas sociais, de benestar, integración e atención á diversidade. “Dedicamos máis dun terzo do total do Orzamento a estas políticas sociais, máis de 34 millóns de euros, cun firme apoio ao labor que fai o tecido asociativo da provincia vinculado co terceiro sector, como é o caso de Auxilia”, explicou.
Ademais, recordou que a maiores do investimento económico, a institución provincial traballa dun xeito transversal para incorporar a perspectiva da diversidade en todas as políticas públicas.
Puxo o exemplo dunha guía de accesibilidade centrada nos recursos turísticos que precisamente a Deputación elaborou en coordinación con Auxilia, e que se presentará á cidadanía nas vindeiras semanas.