A Deputación colabora coa Cohors III para a construción dun campamento

LugoXa
A Deputación de Lugo impulsa o Arde Lucus colaborando coa Cohors III Lucensium para construír un campamento
desfile cohors arde lucus
7 Jun 2022

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou hoxe xunto ao representante da Asociación Cultural e de Promoción Turística Cohors III Lucensium, Luis Miguel Muñoz Bretos, un acordo de colaboración a través do que a institución provincial achega 10.000€ á entidade. Con esta achega económica da institución provincial, a agrupación financiará os gastos para a construción do Proxecto Eurocamp, unha edificación de catro torres defensivas para as recreacións históricas nas que participe o colectivo nun futuro inmediato.

José Tomé destacou a importancia desta construción porque “non existe unha instalación semellante en festas de recreación histórica, polo que se trata dun elemento singular e orixinal.

Pero este é ademais un investimento que axudará a facer máis grande o Arde Lucus e a difundir esta festa, declarada de Interese Turístico Nacional e que aspira a ser declarada de Interese Turístico Internacional”.

Durante as festas do Arde Lucus, que teñen lugar esta fin de semana, este colectivo instala a edificación na Praza de San Marcos, pero a construción está previsto que se use tamén noutras citas.

O Presidente puxo en valor “a implicación e o traballo” da Cohors, á que felicitou polos seus 15 anos de traxectoria, para potenciar o Arde Lucus, “sempre indo a máis, con melloras, con novidades e con recreacións cada vez máis rigorosas”.

O mandatario provincial lembrou que este apoio ao Arde Lucus súmase ao que materializou a semana pasada coa Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asinando un convenio de colaboración a través do que a Deputación achega 28.000€ para a representación do circo romano no ano no que o esta festa “recupera todo o seu esplendor despois de dúas edicións con restricións pola pandemia”.

Este apoio responde, subliñou o Presidente, “ao noso firme compromiso coa difusión e a posta en valor da nosa cultura, a historia e o patrimonio, tanto material como inmaterial, e aproveitar toda esa riqueza para impulsar a economía, o sector hostaleiro, do comercio e o turismo”.

Neste sentido, José Tomé incidiu en que o Arde Lucus “é un auténtico revulsivo económico para a cidade, e promociona Lugo e toda a provincia a nivel nacional e internacional. O traballo da Cohors e dos colectivos que traballan en torno ao Arde Lucus, xunto co do Concello, é fundamental para conseguilo e por iso sempre terán o apoio da Deputación”.

No acto, o Presidente da Deputación recibiu dúas moedas conmemorativas acuñadas pola Cohors III Lucensium, unha singularidade que o colectivo impulsa dende hai 11 edicións. A agrupación foi a primeira asociación cultural de recreación histórica de Lugo. Trátase dunha agrupación que conta con seis tipos de vestimenta de lexionarios, optio e centurión e participaron en iniciativas fóra e dentro de Galicia con visitas a Romanía ou Portugal.

0.1784999370575