A Deputación colabora na edición da revista Micolucus

LugoXa
A Sociedade Micolóxica Lucus continúa traballando na revista anual Micolucus, que recolle traballos de investigación e divulgación .
revistas micolucus sociedade micoloxica
4 Ago 2021

A Sociedade Micolóxica Lucus segue a traballar na edición da revista Micolucus. Trátase da oitava edición dunha publicación que recolle traballos de investigación e divulgación, da que se farán 900 exemplares.

Na edición da revista colabora a Deputación de Lugo, que destina 3.500 euros, co obxectivo de poñer en valor e promover o coñecemento da micoloxía, a natureza e o medio ambiente na provincia de Lugo.

Esta publicación anual, caracterizada polo amplo rigor científico, está composta por artigos de calidade informativa elaborada por profesionais recoñecidos. Dende o seu nacemento, esta publicación de corte multidisciplinar acadou un impresionante éxito, observándose un grande e crecente interese nela.

A revista distribúese actualmente en máis de 60 localidades de 14 países, o que permite achegar o patrimonio natural lucense a outros territorios.

Sociedade Micolóxica Lucus

A Sociedade Micolóxica Lucus celebra este ano o seu vixésimo aniversario. Fundouse en 2001 pola iniciativa dun grupo de afeccionados á micoloxía e cos obxectivos de fomentar os valores naturais lucenses e achegar esta ciencia á cidadanía coa posta en marcha de cursos de micoloxía.

Forma parte dos órganos de participación das Reservas da Biosfera do Miño e Ancares, xestionadas pola Deputación de Lugo. A publicación incorporará artigos sobre as Reservas da Biosfera, nos que se difundirá información sobre a actividades e accións que se desenvolven neste territorio.

0.21619606018066