A Deputación colabora na edición do 'Nós tamén temos historia'
Nós tamén temos historia, o traballo realizado polo alumnado do IES Lucus Augusti na materia de Historia foi presentado onte no centro do salón de actos do centro educativo. A Vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, e o deputado de Memoria Histórica, Efrén Castro, participaron no acto de presentación logo de colaborar coa edición do traballo.
A publicación documenta o proxecto no que alumnado de 4 de ESO afonda na historia das súas familias, procurando unha imaxe ligada aos contidos que se desenvolven na materia de Historia para mostrar, tal e como se recolle no propio libro, como “os nosos antepasados participaron e influíron no curso da historia”.
Así, a publicación compila, a modo de álbum histórico, fotografías de familiares (avós, avoas, bisavós, bisavoas,..) acompañadas de datos biográficos e relatos familiares ligados ao momento histórico no que viviron. Boa parte deles referenciados na guerra civil española provocada polo alzamento fascista do 1936.
Efrén Castro valorou “o interese deste tipo de proxectos que contribúen a forxar os valores democráticos e pacifistas sobre os que debemos construír a Galicia do futuro"
O contido editado corresponde ao traballo desenvolvido polo alumnado no 2020-21, mais o proxecto está a ter continuidade neste curso.