A Deputación colabora na limpeza da beira do río Miño no coto de Quinte, en Guntín
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou un convenio de colaboración co responsable da Asociación de Pescadores de Ponte Areas, Manuel Regueiro Ares, polo o que a institución provincial achegará 2.000€ para sufragar os traballos de limpeza e desbroce na beira do río Miño ao seu paso polo concello de Guntín neste ano 2021.
Tomé Roca visitou esta tarde o local social da entidade acompañado polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o Deputado de Medio Ambiente, Xosé Luis Raposo, e o Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias Fernández. Os responsables provinciais percorreron con Regueiro parte do coto onde se vai actuar.
En concreto, os traballos consistirán na limpeza e roza da maleza das marxes do río Miño, nunha lonxitude de 10 quilómetros, facendo un paso de 2 metros á beira do río. Os traballos están orzamentados en 2.145€, dos que a Deputación porá practicamente a totalidade. “Esta é unha colaboración importante, non pola cantidade económica, pero si polo que supón para o bo funcionamento deste coto”, apuntou o Presidente, que destacou tamén a colaboración da Deputación co tecido asociativo da provincia.
A Deputación de Lugo xa colaborou en anos anteriores con esta asociación para a limpeza da beira do río no coto de Quinte, en diversos tramos. Na actualidade, son preto de 80 pescadores os que pescan neste coto da provincia, que abrangue os concellos de Guntín, O Corgo, Lugo e O Páramo.