A Deputación colabora no proxecto de construción do polígono da Fonsagrada
A Xunta de Goberno aprobou este venres o convenio de colaboración co Concello da Fonsagrada a través do que a Deputación de Lugo aportará 35.750 euros para a redacción do proxecto das obras de construción do polígono industrial. Así o informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, que explicou que “hoxe demos un paso moi importante para cumprir cunha demanda histórica dos veciños e veciñas e do tecido empresarial deste municipio da montaña”.
García Porto anunciou que este convenio será asinado polo presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o alcalde, Carlos López, a próxima semana para, “xa de seguido, sacar a contratación os traballos de redacción do proxecto”.
A deputada avanzou que a institución provincial tamén se encargará deste procedemento de licitación, “dentro do noso compromiso de máxima colaboración cos concellos para sacar adiante servizos e infraestruturas necesarias para a veciñanza e para o tecido produtivo, como é o caso do polígono industrial da Fonsagrada”.
A voceira socialista lembrou que, a maiores desta achega para a redacción do proxecto, a Deputación de Lugo xa ten comprometidos outros preto de 600.000 euros para acometer as obras deste polígono. “Un compromiso que está plasmado nun protocolo de colaboración que foi asinado o ano pasado polo Presidente desta institución e polo alcalde”, apuntou Pilar García Porto, quen engadiu que segundo este protocolo o Concello da Fonsagrada achegará case 150.000 euros para as obras.