A Deputación comeza as obras de aglomerado en dúas vías de Friol

LugoXa | TerraChaXa
Trátase dos primeiros dous quilómetros das estradas LU-P-2105, que conecta o empalme de Prado con San Paio de Narla, e da LU-P-2115, que une O Vento con Santa Marta, en Vilalvite
obras-aglomerado-friol
11 Jun 2025

A Deputación de Lugo iniciou esta semana importantes traballos de mellora en dúas vías provinciais que discorren polo Concello de Friol. O investimento total ascende a preto de 226.000€ e as obras afectan aos primeiros dous quilómetros das estradas LU-P-2105, que conecta o empalme de Prado con San Paio de Narla, e LU-P-2115, que une O Vento con Santa Marta, na parroquia de Vilalvite.

Esta semana, comezaron os traballos do estendido do aglomerado en quente e continuarán coa reposición da sinalización nos dous primeiros quilómetros de ambas vías, mellorando a seguridade da circulación nestes tramos que son moi empregados polos veciños e veciñas do municipio friolés.

A empresa Construcciones Leonardo Miguélez SL é a que está a levar a cabo a rehabilitación do firme destas obras que se prevén estean rematadas a finais deste mes de xuño, se a climatoloxía o permite.

Estas actuacións forman parte do compromiso da institución provincial de avanzar na mellora da rede viaria provincial, na mobilidade e nos accesos a servizos públicos básicos, como centros de saúde ou educativos. Ademais, permiten mellorar as conexións con puntos de interese cultural e turístico da comarca, como neste caso a Fortaleza de San Paio de Narla, un dos principais atractivos do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.16601705551147